Galiza continúa en pé de guerra contra os recortes

Galiza está na vangarda da loita social contra os recortes do Goberno Feijóo. Este luns voltouse a demostrar con manifestacións máis que considerábeis nas 7 cidades galegas convocadas polo conxunto dos sindicatos en defensa dos dereitos dos e das traballadores do sector público.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez -acompañado da secretaria de Organización, Montse Prado, e dos deputados do Parlamento galego Bieito Lobeira e Carme da Silva- participou na manifestación de Pontevedra, á que asistiron miles de persoas.

Cada día resulta máis evidente que a inmensa maioría da sociedade galega contesta, por inxustas, inmorais e inúteis, as políticas que está a practicar o PP quer desde o Goberno do Estado quer desde o Goberno de Galiza. Políticas que, coa escusa da crise, o único que pretenden é engordar a conta de resultados das grandes corporacións industriais e financeiras e abrir novos campos de negocio ao capital privado a costa de deteriorar -e privatizar- os servizos públicos esenciais.

Políticas que, alén do máis, atentan contra os dereitos nacionais de Galiza ao inserirense nun programa de clara vocación centralista, do que resulta unha expresión ben significativa o fortalecimento competencial das deputacións.