Frota cefalopodeira, seis meses excluída no acordo UE-Mauritania
Ante este despropósito, o BNG solicitou na Eurocámara unha renegociación do acordo, ata conseguir un convenio que inclúa a frota galega, pero a día de hoxe aínda non hai ningunha alternativa. A eurodeputada Ana Miranda crítica a falta de avances e presenta unha iniciativa á Comisión Europea, para que o departamento da comisaria de Pesca, María Damanaki, explique as opcións reais da frota galega de volver a augas mauritanas.
O pasado 5 de abril concluían as negociacións no Comité Científico Técnico creadao ao amparo do acordo UE-Mauritania. Os representantes do país africano presentaron un estudo científico que conclúe que os cefalópodos están sobreexplotados e que, por tanto, non cabe unha volta da frota galega ao caladoiro.
Segundo a información da que dispón o BNG, este informe foi cuestionado na reunión por outros membros do Comité, ademais de contradicir informes científicos recentes que indican que a pesquería de cefalópodos está en boa situación, ignorados á hora de negociar o acordo.
Por esta razón, Miranda volve a interpelar á Comisión Europea "para que explique se vai asumir como válido o informe presentado polos negociadores mauritanos, pese a ser un informe de parte que lle permitiría consolidar a exclusión da flota galega do acordo asinado entre a UE e Mauritania", salienta.
Na pregunta parlamentar, pide á Comisión que se pronuncie sobre a "pertinencia" de valorar outros estudios científicos sobre o estado dos cefalópodos que non sexan os presentados por unha das partes negociadoras, e solicita a Damanaki "que informe das alternativas que ofrece á frota galega excluída e aos tripulantes sen emprego por mor das condicións do acordo UE-Mauritania".
O Parlamento Europeo aínda non referendou o acordo UE-Mauritania, que xa recibiu luz verde por parte da Comisión e do Concello, e Miranda confirma que o BNG votará en contra do acordo se non se logra incorporar á frota cefalopodeira.
Mentras tanto, nen o Goberno central nen a Xunta se teñen pronunciado sobre o resultado da negociación do Comité Ciéntifico Técnico e están a deixar pasar os meses sen aportar solucións para a frota galega afectada.