Fronte ao modelo, “depredador, antisocial e colonial” do PP, o BNG propón un modelo eólico que protexa o territorio, medio ambiente e intereses de Galiza
A portavoz en materia de Enerxía do BNG, Noa Presas defendeu unha moción contra o modelo eólico da Xunta que cualificou de “inxusto, antigalego e insostible” e propuxo un novo modelo baseado na “ordenación, a participación pública, a defensa do autogoberno e os intereses galegos”.
A nacionalista reclamou paralizar calquera proxecto eólico superior a 50MW que colida co Plan sectorial eólico ou con calquera categoría de protección ambiental comunitaria que podan ocasionar irreversible afectación ambiental, social ou económica e demandar do goberno central a realización das modificacións oportunas da Lei 24/2013 do Sector Eléctrico para que Galiza poida exercer as competencias respecto das instalacións de produción de enerxía eléctrica.
Na actualidade, Galiza, dixo a deputada, vive un “auténtico terremoto no sector enerxético” con graves custos sociais, ambientais e económicos e polo incremento do prezo da enerxía. Este terremoto compleméntase, dixo, cun “boom eólico descontrolado” que está a ser parte dos problemas sociais e económicos deste país no lugar de contribuír a ser parte da solución
Temos a oportunidade de apostar por nun novo modelo enerxético que sexa “xusto, galego e sostible” pero pola contra, asistimos a unha transición enerxética pensada polo oligopolio para substituír unhas fontes de xeración por outras tendo exclusivamente como vara de medir os seus propios beneficios. “Eólica si, pero non así”, recalcou.
Modelo depredador, antisocial e colonial
A deputada explicou que o modelo eólico da Xunta é un “modelo depredador” e planificado en zonas protexidas. É antisocial porque está feito de costas á veciñanza e ás poboacións, aos intereses colectivos, os usos do territorio e sen transparencia.
É un modelo no “top ten do neoliberalismo” e orquestrado desde as empresas do oligopolio e desde os gobernos galego que reducen a Galiza “a unha reserva enerxética sen ningunha compensación a cambio”.
A parlamentaria explicou que o modelo do goberno galego, “vén do franquismo” e outorga a Galiza un papel de potencia produtora, sen indemnización por ese papel e asumindo custes medioambientais e sociais a cambio “dunhas migallas”. Hoxe, recalcou Presas, repítese a historia que viviu Galiza coa enerxía hidráulica: “feudalismo enerxético”, que dicía don Otero Pedrayo cando se construíu o encoro de Castrelo de Miño.
“Temos marxe para planificar, e temos dereito a facelo”. O goberno galego escúdase en que non todos os proxectos solicitados serán tramitados pero tamén é certo que a “proxección de instalación é enorme”, e quen decide? preguntou, a nacionalista, nós ou os consellos de administración das eléctricas “nos que despois se sentan, Bea Mato, Felipe González, Acebes, Tejerina, Fátima Báñez...?
Que imos facer para que a potencia que se instale retorne en beneficios para Galiza porque os concellos, aseverou Presas, “reciben menos dun 5% e as e os propietarios das menos do 2%”
Noa Presas concluíu a súa intervención reclamando un novo Plan Sectorial Eólico cunha ampla participación e proceso de exposición pública co fin de suscitar o maior consenso posíbel, habilitando maiores zonas de exclusión que incorporen as zonas previstas de ampliación da Rede Natura. Facer participes dos beneficios do sector aos concellos galegos e as persoas propietarias das terras, comunidades de montes, propiedades agrogandeiras así como impulsar Plans de Desenvolvemento Industrial favorecendo que sexan desenvolvidos en Galiza e fórmulas de democratización da enerxía como as comunidades enerxéticas, os parques enerxéticos comunitarios e o autoconsumo enerxético.
A moción do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.