Frente á nova subida do Goberno, o BNG reclama a eliminación das peaxes
Diante do anuncio do Ministerio de Transportes, de subir as portaxes das autoestradas en 1,97% en aplicación do IPC e no caso da AP-9 sumar máis 1% correspondente aos convenios de 2011 e 2013, o deputado do BNG no Congreso advirte de o Goberno está a incumprir o compromiso de asumir o esa contía con cargo aos Orzamentos do Estado. Ademais, dado que no mes de setembro a Unión Europea declarou ilegais as prórrogas da concesión, Rego reclama que se lles poña fin e se eliminen as peaxes.
O deputado nacionalista, Néstor Rego, considera escandaloso que o Goberno aplique unha nova suba de practicamente 3% nas peaxes da AP-9 cando o que correspondería facer é eliminar a concesión e converter a Autoestrada do Atlántico en libre de peaxes. Rego lembra que a UE considerou ilegais as prórrogas dadas por gobernos do PSOE (10 anos) e do PP (25 anos) que fixeron que unha concesión que tiña que ter finalizado en 2013 teña agora prazo de finalización en 2048.
“O que corresponde é non só pór fin á concesión senón reclamar á concesionaria todos os importes cobrados entre 2013 e 2021. No entanto, o Goberno español, opta por seguir engordando a conta de resultados dunha multinacional á custa do peto dos galegos e galegas e de hipotecar o noso desenvolvemento económico”, sinala Rego.
O deputado do BNG sinala que, para alén de non rematar coa concesión, o Goberno tamén incumpre os compromisos adquiridos, como o de asumir o 1% que corresponde aos convenios de 2011 (asinado por Xosé Blanco) e de 2013 (asinado por Ana Pastor) con cargo aos Orzamentos do Estado.
O Bloque Nacionalista Galego chama a redobrar a presión social até lograr que sexa suprimida a concesión da AP-9 e autoestrada transferida ao noso País. “Non pararemos até conseguir acabar coa estafa -agora sabemos que ilegal- e a lousa para o noso desenvolvemento económico que representan as portaxes da Autoestrada do Atlántico, até termos unha AP-9 galega e sen peaxes”, subliña Rego.