Senado

Frente común para impedir a celebración da VI Cimeira Transatlántica no Senado

Foto conxunta

BNG, ERC, EH Bildu, PNV, IC e PSOE solicitan á Mesa da Cámara Alta retirar a autorización concedida a Rede Política polos Valores

Nunha iniciativa conxunta para o seu debate e votación na Comisión de Igualdade, reclaman tamén modificar as directrices para a cesión de salas: respectar a pluralidade e a liberdade de expresión -sen promover ataques a dereitos-, así como a lexislación actual

É un ideario incompatíbel coa lexislación vixente, que promove a exclusión e a regresión dos dereitos das mulleres, alegan

BNG, ERC, EH Bildu, PNV, Esquerda Confederal e PSOE anuncian o rexistro de iniciativas no Senado para o seu debate e votación na Comisión de Igualdade da cámara alta co obxectivo de impedir a celebración da VI Cimeira Transatlántica, organizada por Rede Política polos Valores. As organizacións políticas asinantes demandan tamén a modificación das directrices para a xestión das cesións das salas do Senado para que, respectando a pluralidade e a liberdade de expresión, se fixen criterios que non atenten ou promovan a regresión de dereitos e actuacións en contra da lexislación vixente.

Após coñecer que a Mesa do Senado, na súa reunión do 17 de xullo, autorizou a cesión dunha sala da cámara alta para a celebración da VI Cimeira Transatlántica, varios grupos parlamentarios no Senado solicitaron ao organismo a reconsideración do acordo e a revogación da autorización. Todas estas organizacións sinalaban que o acto estaba organizado por Rede Política de Valores, unha organización que promove a restrición de dereitos sexuais e reprodutivos que está vinculada a discursos que fomentan o odio e a discriminación. A maioría do Partido Popular no organismo decidiu non acceder a estas solicitudes e decidiu manter a autorización.

Neste sentido, as organizacións asinantes han decidido rexistrar conxuntamente estas iniciativas para o seu debate e votación no seo da Comisión de Igualdade, seguindo as indicacións da propia presidenta da comisión que sinalou que ese órgano é no que se debería dar o debate cando as distintas portavoces manifestaron a súa oposición á celebración do cume na reunión de mesa e portavoces do devandito organismo.

“Non hai cabida para o esperpento anacrónico que atenta contra os dereitos das mulleres” sinalan

A cesión das instalacións do Senado a esta Rede para a celebración da súa Cimeira supón a utilización de recursos públicos, poñéndoos ao dispor dun lobby neoconservador , que comparte axenda coa extrema dereita, negacionista, cunha axenda organizada contra os dereitos das mulleres á súa saúde sexual e reprodutiva e á interrupción voluntaria do embarazo, e que financian redes de acoso contra mulleres que acoden ás clínicas para a interrupción voluntaria do embarazo. Acoso que está penalizado pola Lei Orgánica aprobada en 2022 pola que se modificaba a Lei de 10/1995 para penalizar o acoso ás mulleres que acoden a clínicas para a interrupción voluntaria do embarazo.

Ante esta situación, e tras contar co rexeitamento da maioría do PP na Mesa do Senado, todas as organizacións asinantes decidiron rexistrar esta moción instando o organismo do Senado para “retirar a autorización para a cesión dunha sala e dos medios e recursos para a celebración da VI Cimeira Transatlántica, organizada por Rede Política polos Valores baixo o título ´Pola liberdade e a vida`, por propoñer un ideario incompatible coa lexislación vixente e promover a exclusión e a regresión dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a liberdade para decidir plenamente sobre o seu corpo”.

Evitar estas situacións no futuro

Así mesmo, os grupos parlamentarios asinan outra moción para o seu debate e votación na Comisión de Igualdade da Cámara instando a Mesa do Senado para modificar as directrices para a xestión das cesións das salas do Senado. Tendo en conta que o Senado é unha cámara lexislativa, desde o respecto á pluralidade e á liberdade de expresión, “en ningún caso poderase dar cobertura e acollemento á celebración de actos ou eventos que promovan a regresión de dereitos e actuacións en contra da lexislación vixente”.

Doutra banda, en canto ao Senado como Espazo Público, os grupos asinantes sinalan que: a súa cesión adóptese con criterios axustados á legalidade, especialmente de cumprimento e garantía dos dereitos das mulleres e toda a lexislación de garantía contra as violencias machistas, a garantía dos dereitos sexuais e reprodutivos e á interrupción voluntaria do embarazo.  Do mesmo xeito, respectar a normativa relativa á Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI, especialmente os dereitos das persoas Trans, así como a igualdade de trato e a non discriminación.