Ou freamos o PP ou o que pasa en Portugal e Grecia pasará en Galiza e no Estado logo do 21-O
Jorquera, que participou na manifestación en defensa dos servizos públicos, alertou de que cada día fica máis claro que os recortes só traen consigno máis recortes e depresión económica, e isto é o que nos espera en Galiza e no Estado co novo programa de axustes que vai aplicar o PP vencellado ao segundo rescate.
O candidato nacionalista fixo un chamamento a unha forte mobilización social, como a que se viu hoxe nas rúas de Santiago, para pór un dique a estas políticas e apostar por outra saída á crise, unha saída social.
Defensa dos servizos públicos
Jorquera, que encabezou a delegación do BNG na manifestación, na que tamén participaron o Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, e outros membros da Executiva, lembrou que os servizos públicos son fundamentais tanto para garantir a cohesión social como para a xeración de emprego, por iso hoxe estamos aquí, para defendelos do intento do PP de desmantelalos de forma paulatina.
Neste sentido, lembrou que é evidente que o Partido Popular está utilizando a crise como pretexto para cambiar o modelo e facer desaparecer estes servizos públicos.