O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados, Francisco García, acudiu a un encontro coas veciñas da comarca do Ribeiro na Madalena de Ribadavia. García apuntou que “hai ventos de cambio e xente que mira cara o BNG como forza política de referencia para os vindeiros comicios do 10N en Ourense”.
Durante o encontro coa veciñanza interviñeron a voceira municipal do BNG, Maite Rodríguez, e a deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas. A deputada sinalou a perda de forza do Partido Popular na circunscrición de Ourense: “estiveron a piques de perder a Deputación e só gobernan nunha das vilas de Ourense, Ribadavia, e por unha carambola do PSOE”.
Pola súa banda, Francisco García, candidato do BNG ao Congreso, asegurou que ninguén vai a traballar por nós. “Sacaremos representación o vindeiro dez de novembro para falar de Ourense no Congreso e levar todos os problemas da comarca do Ribeiro” sinalou García.
O candidato ao Congreso pulou durante a súa intervención por apostar “por unha Tarifa Eléctrica Galega xa que producimos máis da que consumimos e, sen embargo, temos o recibo da luz máis caro de todo o Estado”. En contraposición, e como sinalou Francisco García, Ourense ten unha das medias nas pensións máis baixas do Estado Español e “continúan a prometernos unha liña de alta velocidade dende a década dos oitenta”.
Tamén fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos do concello de Ribadavia e da comarca, en particular o vitivinícola “con garantías de rendas para os produtores”. A mellora dos servizos públicos de calidade, así como un transporte ferroviario de proximidade que permita conectar a comarca do Ribeiro con outras comarcas ou coa capital da provincia.
Levar a voz da mocidade galega ao Congreso para ter futuro en Galiza
Asemade, nun encontro mantido nun piso de estudantes universitarios, resaltou a cifrar de mozas que teñen que emigrar: “35.000 mozas ourensáns tiveron que marchar do noso país e contamos co maior número de pensionistas de todo o Estado, a parte de contar coas pensións máis baixas”.
No encontro mantivo un diálogo coas estudantes que lle fixeron chegar as súas inquedanzas sobre o futuro da mocidade en Ourense e en Galiza. “Precisamos investir para que o futuro da mocidade se poida desenvolver aquí. Están sendo expulsados do noso país e nós levamos no programa un Plan Retorna para que as mozas e mozos galegos poidan volver e traballar aquí e fixar poboación” indicou García durante a xuntanza.