Fondo finalista para completar o saneamento das Rías galegas

O informe do Parlamento Europeo sobre o estado das Rías galegas debe propoñer unha partida finalista dos fondos europeos que recibe o Estado español para o período 2014-2020, co obxectivo de financiar as infraestruturas necesarias para completar o saneamento do litoral.

É unha das emendas que presentará o BNG a este informe, avanzada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, no debate da Comisión de Peticións: "O informe deber propor unha partida finalista dos fondos europeos para saneamento, e insisto no carácter finalista da partida para evitar erros do pasado, pera evitar priorizar o accesorio en lugar do importante,  por citar un exemplo, para evitar que se constrúan paseos marítimos diante de rías que están sen sanear ou cando faltan estacións depuradoras por finalizar", argumentou.

Miranda explicou que ese fondo deber servir para financiar "un detallado plan de investimentos para concluír as infraestruturas de saneamento que están pendentes", un plan a elaborar polas administracións responsables, -local, autonómica e estatal-, indicou.

Igualmente, a eurodeputada avanzou que o BNG propón que o informe final inclúa "un recoñecemento expreso ao inxente esforzo dos peticionarios da Ría de Vigo, Ferrol e O Burgo que durante anos reivindicaron o cumprimento da normativa europea en materia de augas e de saneamento, con moita máis ambición que os propios gobernos". Neste sentido, Miranda salienta que o documento que finalmente aprobe a Eurocámara debe incluír unha recomendación ao diálogo e a colaboración das administracións coa sociedade civil.

"Os cidadáns galegos non esperan da Eurocámara un informe de trámite, senón un informe riguroso,  que reflexe a realidade e, sobre todo, que recolla propostas concretas para contribuír en positivo ao obxectivo final de completar o saneamento integral das Rías galegas, un ecosistema único por biodiversidade pero tamén capaz de xerar unha actividade económica e miles de empregos", concluíu Miranda