Finiquitar un réxime herdeiro do franquismo e dar paso a un proceso que recoñeza a GZ como nación

O BNG afirma que a abdicación do Rei é a oportunidade para abrir un novo proceso constituínte no que a monarquía sexa substituída pola república, no que se recoñeza o dereito a decidir das nacións sen estado como Galiza, que permita pór fin á un réxime herdado do franquismo e se limpen as institucións de corrupción.

Esa era a síntese que facía o portavoz nacional, Xavier Vence, tras a comparecencia do monarca español anunciando a súa disposición a abdicar.

“O BNG propón un novo proceso constituínte que permita unha profunda democratización das institucións nun marco que só pode ser republicano, que remate coa corrupción das institucións, -incluída a propia Monarquía e os partidos sistémicos como o PP-, que recoñeza a realidade das nacións que hoxe son negadas polo Estado español, incluído o dereito a decidir e, no caso de Galiza, que recoñeza o dereito a existir dun Estado galego”, argumentou Vence.

É hora, “de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército”, indicou Vence, quen deixo claro que o BNG non vai aceptar “un cambio cosmético” para que Juan Carlos ceda “un trono impopular e corrupto” ao seu fillo Felipe.

Para o Bloque a actual “Constitución monárquica” consagrou un réxime que agora esta en “crise terminal” que se plasma nunha “profunda crise democrática, social e de modelo territorial” que, en ningún caso, pode pecharse “nunha cerimonia de aliño guiada pola elite do Estado e polos poderes económicos para desviar a atención sobre os graves problemas do país e as reivindicacións soberanistas das nacións que conforman o Estado”.

“Non poden tapar nin bloquear o movemento cidadán que reivindica máis democracia e recoñecemento das nacións e o dereito a decidir. Non poden tapar e bloquear eses procesos cun cambio cosmético na cúpula do réxime”, subliñou Vence, de aí a propostas do BNG de iniciar de inmediato un novo proceso constituínte, no que non ten cabida un réxime vitalicio e hereditario herdado do franquismo como é monarquía borbónica española.

O Bloque confirma o seu apoio e presenza nas concentracións convocadas ás 20.00 horas nas diferentes vilas e cidades do país baixo o lema “Polo dereito a decidir, Galiza pola República”.