Feixóo ten que poñerse as pilas para evitar o peche de Alcoa e garantir o 100% dos empregos da Coruña
“É un disparate que se vete á tarifa eléctrica galega mentres hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo prezo da electricidade”, afirma a portavoz nacional do BNG
O BNG recibe con alarma o anuncio da dirección de Alcoa de pechar a súa planta na Coruña, tras a reunión mantida hoxe co comité de empresa, que deixa no aire 400 postos de traballo na cidade herculina. A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta quen non deixe pasar nin un minuto sen poñerse á fronte dunha negociación coa empresa para evitar o peche e garantir a totalidade do emprego.
“O BNG recibe con moita preocupación o anuncio de Alcoa de pechar a súa factoría na Coruña e non pode pasar nin un só minuto sen que o presidente da Xunta se poña á fronte dunha negociación coa empresa para evitar que se produza ese peche poñendo os mecanismos necesarios para garantir os 400 empregos directos. O contrario sería un duro golpe para unha cidade que viu nos últimos tempos o deterioro do emprego industrial”, indicou Pontón.
A líder do Bloque considera un disparate que o PP siga vetando unha tarifa eléctrica galega, nun país que produce electricidade a esgalla e exporta o 40% do que produce, haxa empresas que podan pechar, coa conseguinte destrución de emprego, polo custe da electricidade.
“É un disparate que se siga pechando a posibilidade dunha tarifa eléctrica galega cando vemos que hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo prezo da electricidade. O fundamental é que evitemos que se perda nin un só posto de traballo en Alcoa e reclamámoslle ao presidente da Xunta para que se poña á fronte dunha negociación coa dirección da empresa para garantir o 100% do emprego desta factoría na Coruña”, recalcou.
O BNG leva anos reclamando unha tarifa eléctrica galega que permita a familias e empresas beneficiarse do feito de ser Galiza produtora neta de enerxía. Demanda que sempre chocou co veto do PP a esa tarifa coa que si conta Euskadi, -a denominada euskopeaxe-, pactada co Goberno do PP de Raxoi e recentemente mellorada polo Goberno do PSOE de Sánchez, que lle permite ás empresas vascas aforrar 120 millóns de euros anuais en electricidade.
O Bloque tamén pide a comparecencia inmediata do conselleiro de Industria no Parlamento “porque é importante que todos os grupos rememos para impedir a destrución de emprego no país. Esperemos a ver as razóns que pon a empresa sobre a mesa”, salientou Pontón.