Feijóo tira pola borda o traballo de rehabilitación feito polo BNG na Tinería, denuncia Pontón

Ana Pontón con Rubén Arroxo e Cosme Pombo na Tinería, Lugo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou o barrio da Tinería para coñecer in situ a situación desta zona do centro histórico da cidade de Lugo, que está a padecer as consecuencias do abandono do programa de rehabilitación e dinamización económica e social iniciada polo Bloque durante o seu paso polo Goberno da Xunta, cunha proposta integral de recuperación do barrio na que se investiran 30 millóns de euros.

Acompaña polo portavoz municipal, Rubén Arroxo, polo deputado Cosme Pombo, e por outros responsables políticos locais e provinciais, Pontón lamentou que o desleixo político de Feijóo cun barrio “con tanto potencial”.

“Necesita unha actuación urxente que pasa por rehabilitar e re-habitar, porque resulta incomprensible que a Xunta teña vivendas da súa propiedade baleiras cando hai tantas persoas que a precisan ou sorprendente tamén como ten baixos sen ocupar cando poderían albergar actividade comercial e contribuír a dinamizar a zona”, indicou Pontón na súa visita.

Para a dirixente nacionalista, Feijóo “debe explicar por qué a súa chegada ao goberno supuxo a paralización do proxecto que tiña posto en marcha o BNG, que debe seguir adiante porque defendemos que haxa vida nos cascos históricos das cidades e poñer os investimentos públicos que se fixeron na Tinería ao servizo das persoas”, demandou.

O Bloque lamenta que este barrio volva sufrir os mesmos problemas que padecía antes de que a formación nacionalista iniciase desde o goberno galego un traballo de recuperación que o PP botou pola borda, e que tivo resultados contundentes en só tres anos desde o punto de vista da rehabilitación de edificios e vivendas, pero tamén no económico e social.

Neste sentido, o BNG propón unha colaboración entre concello e Xunta con medidas concretas para o barrio: rematar a rehabilitación dos inmobles que xa son de titularidade pública, adxudicar as vivendas baleiras que son propiedade da Xunta a persoas ou familias que o precisen en función de criterios sociais, poñer no mercado dun xeito activo os baixos que ten o IGVS na Tinería para usos comerciais compatíbeis coa vida de Barrio. Finalmente, a posta en valor dos restos arqueolóxicos como xeito de potenciar a investigación da historia da cidade e, ao mesmo tempo, servir de incentivo turístico.