Feijóo ten que sentarse a negociar cos concellos unha alternativa ao taxazo de Sogama

Protesta pola contra a estafa bancaria ante o Parlamento

O BNG demanda ao presidente da Xunta que abra unha vía de diálogo e negociación cos alcaldes e alcaldesas para buscar unha alternativa á imposición da subida do 34% do canon do lixo que cobra Sogama, alternando de xeito unilateral as condicións de contrato, para repercutir un incremento “desproporcionado” ou ben sobre as arcas municipais ou ben sobre as familias galegas con rendas cada vez máis empobrecidas.

“É inaudito o desprezo do presidente da Xunta a unha representación tan nutrida dos alcaldes e alcaldesas de Galiza que están pedindo unha reunión para negociar a imposición unilateral do Goberno galego que é un abuso que se carga sobre as contas dos concellos e das familias”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, durante a concentración de rexedores do BNG e doutras forzas políticas ante a sede do Parlamento.

“É unha subida desproporcionada e inxustificada que só se pode entender na medida en que Núñez Feijóo da prioridade á conta de resultados de Sogama e da empresa Gas Natural-Fenosa que as os problemas dos concellos e das familias”, subliñou Vence, tras insistir en que “e inxustificable que Feijóo se negue a reunirse cos alcaldes para negociar esta situación, porque é necesario que a Xunta reconsidere a súa imposición”.

En nome dos alcaldes e alcaldesas nacionalistas, o rexedor de Monforte, Severino Rodríguez, salientou que a concentración ante o Parlamento galego “pon de manifesto a intransixencia e a falta de vontade de diálogo do PP para abordar un problema que afecta a toda a cidadanía de Galiza sen exclusión, toda ela afectada por este incremento do 34% que obedece exclusivamente a unha decisión do presidente do Goberno central, o Sr. Rajoy”.

Ante esa decisión, o presidente da Xunta, “en vez de abordar o problema o que fixo Feijóo foi trasladalo aos concellos para que os concellos o traslademos aos cidadáns, é dicir, que nós lles subamos aos veciños e veciñas o 34% do imposto de Sogama”, explicou Rodríguez.

Neste sentido, o alcalde de Monforte, deixo claro que os rexedores que se opoñen ao taxazo non van a aplicar esta suba por tratarse dunha “imposición inxusta e inmoral”, indicando ademais que continúa adiante co recurso para non pagar ese incremento de Sogama. Igualmente, avanzou que os rexedores continuarán coas actuacións de protesta ata que a Xunta se sente a negociar.

Alcaldes, non delincuentes

Rodríguez amosou a súa sorpresa polo amplo despregue de antidisturbios na concentración ante a Cámara galega, e lamentou a actitude das forzas de seguridade cando os alcaldes e alcaldesas intentaron despregar unha pancarta reivindicativa á entrada do Parlamento, momento en que foron cercados, zarandeados e identificados pola policía.

“Estamos aquí para unha reivindicación pacífica que afecta aos nosos veciños e veciñas e nos atopamos rodeados polas forzas de seguridade como se fósemos delincuentes, cando o que somos é representantes de miles de galegos e galegas que estamos defendendo pacificamente unha demanda que entendemos xusta”, explicou.

Rexedores e responsables políticos

Os rexedores do BNG estiveron arroupados na concentración polo portavoz nacional, Xavier Vence, e polo grupo parlamentar encabezado por Francisco Jorquera. Entre os alcaldes, Severino Rodríguez, de Monforte, Francisco García, de Allaríz, Evencio Ferreiro, de Carballo, Adolfo Muíños, de Rianxo, Manuel Muíño, de Zas, Orlando González, de Mondoñedo, Secundino García, de San Sadurniño, Xurxo Rodríguez, de Castrelo de Miño, Xosé Lois Maceda, de A Pobra de Brollón e outros responsables municipais, como o portavoz do BNG no concello de Santiago, Rubén Cela.