Feijóo ten que pórse do lado dos estafados polas preferentes e impugnar o decreto de Rajoy

Jorquera lembra que este decreto pode quitar até o 70 por cento dos depósitos dos aforradores

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou a Feijóo a que a Xunta presente recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto 24/2012 que se vai convalidar este Xoves no Congreso e que vai “legalizar a expropiación” dos recursos das persoas afectadas pola fraude das preferentes.

Jorquera reiterou o compromiso do BNG coas vítimas desta estafa e anunciou que votará en contra do dito decreto, pois non é de recibo que os milleiros de galegos e galegas afectados por esta estafa primeiro sexan víctimas dun engano masivo e agora vaian ser “expropiados” polo goberno de Rajoy.

O candidato nacionalista instou ao actual presidente da Xunta a que tamén demande dos deputados galegos do PP no Congreso que rexeiten un decreto “que conculca principios constitucionais elementais e invade competencias autonómicas”.

Encontro cos afectados

Logo dunha reunión mantida con representantes das distintas plataformas de afectados, Jorquera lamentou que Feijóo leve eludindo as súas responsabilidades ante este problema e botando balóns fóra toda a lexislatura e reclamou que a Xunta se persone na demanda interposta pola Fiscalía.

Rueda ten que se preocupar máis de dotar de recursos ao Xulgado n 11 da Coruña para axilizar a demanda interposta pola Fiscalía que de facer a campaña do PP dende a Consellería de Presidencia

Neste sentido, fixo un chamamento especial á Consellería de Presidencia para que “o señor Rueda deixe de estar máis preocupado por facer a campaña do PP dende a Xunta e dote de máis medios ao Xulgado número 11 da Coruña para axilizar a demanda interposta pola Fiscalía”.

“O BNG asume todos estes compromisos -engadiu- e asume unha solución global ao problema porque compartimos a indignación dos afectados por esta estafa masiva. Que vai facer Feijóo?”.

Perdas entre o 60- 80 por cento dos depósitos

Francisco Jorquera alertou de que convalidar o real decreto de Rajoy vai supor unha dobre expropiación, por unha banda a todos os contribuintes, pois para sanear a banca privada vanse mobilizar recursos públicos que logo todos os cidadáns pagarán en forma de novos recortes e por outra aos proprios estafados das preferentes, que poden ficar sen o 70 por cento dos seus depósitos.

A este respecto, lembrou que o decreto establece a imposición dunha quita do valor inicial suscrito que pode representar unhas perdas de entre o 60 e o 80 por cento dos cartos depositados.

Desprotección xurídica

Asemade, o candidato do BNG concluiu denunciando o “estado de excepción xurídica” e de desprotección no que fican estas persoas, pois o Banco de España e o Frob poden alegar causas económicas para impedir a execución de sentenzas xurídicas favorábeis aos demandantes, “o que é unha conculcación de principios constitucionais elementais”.

 

http://youtu.be/DjRtBbHXq6g