Feijóo responde ao BNG que Europa manda "liquidar" as Caixas galegas

Jorquera acusou ao Presidente de ser “ cómplice necesario” no espolio do aforro galego e  copiar ao “gran escapista Houdini”

Pleno- Na quenda de preguntas ao Presidente, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera requiriu do titular da Xunta unha resposta “clara” sobre a súa posición ante a venta “apresurada” de Novagalicia banco.

Núñez Feijóo xustificou a venda tras a inxección de fondos europeos que aconsellan a súa liquidación e neste momento, dixo, existen entre seis e oito entidades interesadas na compra.

O presidente da Xunta non perdeu a oportunidade para unha vez máis, culpabilizar ao goberno tripartito da actual situación das caixas ao que o nacionalista respondeu ironicamente, “eu confésome pecador por ter apoiado o bipartito, pola miña culpa, pola miña grandísima culpa pois o bipartito en só tres anos e medio foi capaz de arrasar cos inmensos logros da dereita que leva gobernando Galiza toda a vida”.

Feita esta confesión, dixo, reitero a miña pregunta: vostede pensa asumir algunha vez a súa responsabilidade ou vai seguir sendo un “profesional da demagoxia”, porque de seguir así, vai pasar a historia competindo co “gran escapista Houdini”.

A venda de Novagalicia Banco non vai beneficiar a Galiza nin aos contribuíntes, a venda “apresurada” afirmou, beneficiará ao comprador que poderá descontar en impostos créditos fiscais por 4.500 millóns de euros dos 9.000 millóns insuflados para o saneamento.

Vostede de que lado está?. Vai demandar que se publique o prego de condicións da poxa, vai exixir que se manteña como entidade galega, recuperar o diñeiro público investido, manter os postos de traballo, que se devolvan os cartos a tod@ os estafad@s polas preferentes e que as coleccións artísticas da caixas fiquen en Galiza?.

Vai a esixir a paralización da poxa no caso de non darse estas condicións?. “Asuma a súa responsabilidade dunha vez por todas”, espetou o nacionalista.

Sen crédito non se crea emprego

A pasada semana fixéronse públicos os dados de paro en Galiza cunha subida en outubro por riba da media estatal, “este é resultado das súas políticas”.

Sen crédito non se pode investir e xerar emprego, só o 3,39% do crédito que se concede no Estado, explicou, beneficia a empresas e familias galegas polo que volveu preguntar a Feijóo se ten previsto actuar para paralizar a venda de NCG e traballar para conseguir unha entidade financeira vinculada a Galiza.

Jorquera concluíu a súa intervención alertado da desaparición do servizos centrais e boa parte da rede comercial da entidade así como do risco de ser mercada por fondos financeiros “culpables” da crise financeira internacional.