Feijóo quere que os concellos paguen a súa desfeita no social nos centros de día e escolas infantís

Primeiro foi a modificación unilateral das condicións con Sogama para a xestión de residuos con cláusulas abusivas para os concellos, agora o Bloque denuncia un novo “atropelo” da Xunta cos municipios aos que impón un convenio coa Axencia Galega de Benestar Social para a xestión dos centros de día e das escolas infantís aproveitando a substitución do que ata agora era o Consorcio de Benestar Social por esta axencia.

O cambio de condicións significa, na práctica, restar capacidade de decisión aos concellos que, en cambio, son obrigados a pagar máis pola prestación duns servizos básicos de exclusiva competencia da Xunta sen que iso repercuta nun menor custe para os usuarios e usuarias, e todo nun contexto de recorte das achegas da Administración autonómica aos municipios para servizos sociais.

“É unha decisión autoritaria, irrespectuosa cos concellos que impón condicións irracionais”, sintetizou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que o Bloque solicitará no Parlamento a paralización inmediata desta imposición unilateral de novos convenios, “para iniciar unha negociación desde a FEGAMP e entre a Consellería de Traballo con cada concello afectado”.

A casuística é variada en relación ás condicións de xestión dos 300 centros de día e 180 escolas infantís así como a situación de pagos entre concellos e a Xunta na prestación destes servizos. En todo caso, de media o Bloque salienta un incremento do 20% e “a imposición dun canón moi alto” que ascende a 3.690 euros anuais por cada praza de centro de día e a 1.500 euros anuais por cada praza de escola infantil.

“Feijóo quere facer dos concellos os pagadores da desfeita da Xunta nos servizos sociais”, denunciou a portavoz parlamentaria en Asuntos Sociais, Carme Adán, quen advirte que as novas condicións que impón o goberno galego “afectan a miles de usuarios e usuarias” que non obteñen redución algunha no que pagan pese a maior achega esixida aos concellos.

Ademais do debate no Parlamento, o Bloque tamén promoverá unha negociación desde a FEGAMP, como explicou o portavoz nacionalista neste organismo municipal, Francisco García. “Non estamos dispostos a asinar os convenios nas condicións actuais”, recalcou, que encarece o custe para as arcas municipais pese a ser competencias da Xunta, ao tempo que os concellos son excluídos da toma de decisións.

Nesta situación, o Bloque reclama suspender o envío destes convenios aos concellos, co ultimato de que deben estar asinados no prazo dun mes, iniciar a negociación tanto bilateralmente como a través da FEGAMP e garantir a prestación dos servizos. Así o defenderá tanto na entidade municipal como na Cámara galega.