Feijóo preside un goberno “nini”, nin AVE, nin cercanías, nin financiamento, nin transferencia da AP-9...
Afirma estar feliz de ser incomoda para Feijóo e recórdalle ao presidente que en democracia o liderado da oposición non o decide el a dedo
No balance de fin de curso político a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou o goberno de Feijóo de “nini”: Nin AVE, nin cercanías, nin novo modelo de financiamento, nin tarifa eléctrica, nin novo marco para Galiza como nación, nin unha saída real para a crise. O que si temos, dixo, é “moita pobreza no armario”, un importante medre da precariedade e desigualdades ademais de crecer a “irrelevancia política de Feijóo”.
O ano 2017 foi un ano para Pontón de “oportunidades perdidas” por parte dun presidente sen “proxecto de país” e que só persegue a anulación política de Galiza como nación. Temos, “un presidente bonsái” agochado detrás da súa maioría absoluta e incapaz de mirar aos ollos a todas esas persoas que padecen a crise económica. Feijóo segue perdendo grandes oportunidades e conduce a Galiza ao vagón de cola mentres noutros territorios están mellorando as condicións económicas, sociais e laborais dos seus cidadáns.
O balance do 2017 en termos políticos, dixo, tradúcese “nun grade recortazo” en inversión do Estado, retrasos no AVE mentres se acelera o corredor do Mediterráneo, Galiza excluída do corredor atlántico de mercadorías, veto á transferencia da AP-9 e veto tamén, a dispoñer dunha tarifa eléctrica galega.
Sobre o modelo de financiamento, Pontón reiterou que a súa parálise provoca que Galiza perda novamente oportunidades e asegurou que a cacarexada saída de crise da que o PP presume non impide “o grande recortazo” na sanidade e educación así como o incremento das privatizacións. Por outro lado afirmou que, resulta lamentable que o goberno galego non propuxera ningunha nova iniciativa en materia de igualdade e de loita contra a violencia de Xénero.
A nacionalista avanzou que o BNG fará unha “oposición leal a Galiza” porque outra “realidade é posible”. E necesario darlle voz as causas xustas e esperanza a toda a xente que quere unha alternativa ao Partido popular e nese sentido, “o BNG sempre estará disposto a traballar para conseguilo”, apostilou.
No balance político non faltaron criticas á política demográfica do PP e ao problema da emigración da mocidade. Para Pontón o Partido popular converteu a súa maioría “nunha apisoadora” no Parlamento galego e con ela unha “democracia de baixa calidade”.
Pontón denunciou a “opacidade” na información e control ao goberno e puxo como exemplo a comisión de estudo sobre os lumes que, segundo a súa opinión, vai no camiño de converterse nunha “comisión bis e falida” como a das Caixas de Aforros. O PP non ten ningunha intención de mudar a política nin modelo de xestión do noso monte, zanxou a portavoz do Bloque.
O BNG presentou no ano 2017, 1.807 iniciativas e seguiremos facendo presentando propostas de fondo e clave de país, concluíu a nacionalista.
ESTOU FELIZ DE SER INCOMODA PARA FEIJOO
A preguntas dos xornalistas sobre o encontro entre o presidente da Xunta e o secretario xeral del PSdG, Pontón manifestou sentirse “moi feliz de ser incómoda para o Partido popular” e recoñeceu que se Feijóo lle ofrecerá ser a líder da oposición non “marcharía para casa contenta”. Dende o BNG imos seguir poñendo o dedo en todo aquilo no que o goberno o está facendo “infinitamente mal” e cun presidente que o único carné que ten é o do PP.
A decisión sobre o liderado na oposición non lle corresponde a Feijóo aínda que ao PP “encantaríalle unha Galiza co vello modelo bipartidista”.A maiores, a portavoz do BNG sinalou que o “dedazo dentro do PP funciona moi ben, pero en democracia non o decide o dedo de Feijóo”.
Pontón declinou valorar a reunión entre ambos políticos e recalcou que Feijóo non ten “un dedo máxico para decidir quen é ou non é líder da oposición” e reiterou “ser moi feliz sendo incómoda para Feijóo”.