Feijóo non pode poñerse de perfil ante os casos de corrupción no PP
O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, advertiu a Núñez Feijóo que non pode poñerse de perfil ante os casos de corrupción que están saíndo á luz e que afectan ao Partido Popular, polo que a pregunta ao presidente no próximo pleno incluirá tamén este asunto.
A situación actual engadiu- é crítica e xa é máis que unha evidencia que as políticas de recortes só conducen ao suicidio económico e ao descrédito da política como instrumento para mudar as cousas. Hai unha alarma social provocada por casos de corrupción como os do concello de Santiago, a deputación de Ourense, os indicios de financiamento ilegal do PPdeG, do propio PP e os supostos cobros irregulares da cúpula deste partido.
Publicación literal das declaracións de patrimonio
Para facer frente a esta situación, alén da pregunta a Feijóo, o BNG apoiou en Xunta de Portavoces unha iniciativa do PSdeG para constituir unha Comisión de Estudo de prevención e erradicación da corrupción na política, explicou Jorquera.
Tamén sobre corrupción, a iniciativa do BNG se propuxo a publicación inmediata e literal das declaracións de actividades e patrimonio dos deputados, asunto que, sorprendentemente, foi rexeitado polo PP que, apelando á defensa da intimidade, propuxo que a versión para publicar sexa unha declaración ad hoc.
Previsións do paro superadas
O portavoz parlamentar nacionalista, sobre os dados do paro, que tamén protagonizarán a pregunta ao presidente, advertiu que só coas cifras do mes de Xaneiro a Xunta xa superou as previsións que tiña para todo o 2013 e que figuran no proxecto de orzamentos.
A crise do sector leiteiro, a estafa das preferentes, o decreto do plurilingüismo ou a situación da rede de programación musical e escénica galega serán outras das cuestións que inclúe o BNG na orde do día do próximo pleno, informou Jorquera.
Comisión Investigación das Caixas
O voceiro nacionalista deu conta tamén dunha obxección do BNG na Xunta ao calendario de traballo para este mes de Febreiro, pois non incluía a comisión de investigación das Caixas, asunto que finalmente o PP rectificou.
Jorquera lembrou que non é de recibo que logo de 20 meses perseguindo esta investigación, logo da dilación calculada do PP na pasada lexislatura unha vez aprobada a constitución da dita comisión e logo da negativa dos populares a habilitar Xaneiro para os traballos, agora pretenderan un novo retraso.
Convidados ao pleno
Sobre o conflicto xurdido coa presenza de público nas sesións plenarias, o portavoz do BNG explicou que Pilar Rojo anunciou que ía presentar por escrito aos grupos unha serie de propostas para vehiculizar os convites e entre esas propostas unha das fórmulas a estudar é que cada persoa asine un documento aceptando as normas da Cámara e que poidan ser expulsadas e non volver a entrar no Parlamento durante un tempo se as incumpren.
Asemade, de se tratar dun colectivo, se se produce unha alteración o grupo político responsábel dese convite pode ser sancionado, engadiu Jorquera.
Para o parlamentar nacionalista, a normativa vixente no regulamento é dabondo para xestionar os convites e resolver os conflictos que poidan xurdir, polo que se ratificou na postura de que non fai falta mudar nada e insistiu en que o PP fai unha leitura equivocada dos feitos.
Os altercados non obedecen a ningunha táctica conspiratoria senón que son o reflexo dunha realidade social moi dura e da súa conflictividade. Cómpre lembrar que na historia desta Cámara o incidente máis grave ocorrido foi a manifestación de alcaldes no hemiciclo, con ameazas incluso aos deputados, en 2005 e ningún grupo daquela deu un resposta semellante á que está dando agora o PP.
O voceiro do BNG concluiu asegurando que quen realmente viola o Parlamento é quen o ningunea, quen conculca as súas competencias ou invirte o papel das institucións e utiliza o lexislativo aos dictados do executivo.