Feijóo minte cando anuncia unha baixada de impostos

Comparecencia de Francisco Jorquera ante os medios de comunicación

Jorquera preguntará ao presidente da Xunta porqué segue enganando aos galegos e galegas con “anuncios trampa”

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acusou hoxe ao Presidente da Xunta de “mentir” cando anuncia unha baixada no imposto do IRPF.

O parlamentario explicou, tras a xunta de Portavoces, que a medida anunciada por Feijóo no Debate do Estado da Nación, suporá unha cantidade entre 25 e 63 euros ao ano pero todos os galegos e galegas deberemos pagar o incremento do combustible “consumo de 100 L. ao mes ingresaremos 55 euros para o céntimo sanitario), o canon da auga, a subida no recibo do lixo e diversos novos copagos, ao final “os galegos e galegas pagaremos máis”.

O recibo da luz, dixo, tamén será máis caro a pesar de producir Galiza moito máis do que consumimos. O BNG defenderá, neste sentido, unha Proposición non de lei no vindeiro pleno e interpelará o Goberno sobre outros copagos como o referido a medicamentos a enfermos crónicos. Reclamamos a presentación dun “recurso de inconstitucionalidade” sobre este novo imposto “á enfermidade”, dixo.

Asemade, outras cuestións como a situación real dos contratos con Pemex, contratos homologados para o sector vitivinícola e o desprazamentos da flota galega en augas comunitarias serán motivo de iniciativas do grupo parlamentario no vindeiro pleno.

Finalmente, Jorquera avanzou que o BNG “non parará ata que se investiguen as verdadeiras causas do accidente de Angrois” polo que a sesión plenaria debaterá como primeiro punto á petición nacionalista sobre a creación dunha comisión de investigación.