Feijóo ignora aos alcaldes do BNG e aos colectivos que piden a retirada do copagamento

Unha representación de alcaldes do BNG e dos colectivos sociais que piden a retirada do copagamento dos medicamentos hospitalarios foron ignorados e plantados ante as portas da Xunta polo presidente do Goberno galego, con quen tiñan solicitado unha entrevista para abordar este asunto.

A proposta enmárcase no que o Bloque ten bautizado como espírito de Riotorto, por ser este o primeiro concello e enfrontar o copagamento, cuxo alcalde, Federico Gutiérrez, foi contundente nas súas críticas a Feijóo.

“O portazo de Feijóo non é ás seis persoas que estamos aquí, é a todas as persoas doentes crónicas do país, é un portazo a todas aquelas mulleres que se están medicando de cancro de mama, a todas as persoas que se están medicando dun cancro de ril ou de leucemia, un portazo a quen padece tumores cerebrais”, denunciou.

Fronte ao “portazo” do presidente da Xunta, “queremos transmitirlle á sociedade galega que estamos aquí para abrir portas, fundamentalmente unha: a porta da gratuidade da sanidade e da igualdade ante a enfermidade”, alegou Gutiérrez, quen fixo un chamamento á cidadanía galega para sumarse as convocatorias e manifestacións en contra do copagamento.

Neste sentido, os 150 colectivos reunidos en Riotorto tras unha convocatoria aberta teñen convocadas concentracións para este venres día 8 de novembro diante de todos os hospitais de referencia de Galiza, e unha manifestación para o domingo 17 de novembro en Santiago, que o BNG secunda e apoia.

Pese a actitude de Feijóo, a representación formada polos alcaldes do BNG (Riotorto, Ribadeo, Allariz, entre outros) e dos colectivos sociais que rexeitan o copagamento, anunciaron que volverán a Santiago á sede da Xunta cada semana ata acadar a retirada dunha medida que engade unha carga económica aos doentes crónicos.