Feijóo fica "petrificado" no bipartito e conclúe a investidura como oposición da oposición

O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, acusou a Núñez Feijóo de facer unha réplica do discurso de investidura máis propio do “opositor da oposición” que dun candidato a presidente da Xunta.

“Recoméndolle que relea o regulamento da Cámara –dixo- porque non estamos no debate dunha moción de censura senón dunha investidura e pregúntolle se acaso aspira vostede a asumir a figura que contemplaba o seu programa nestas eleccións e prefire ser xefe da oposición”.

Para Jorquera, Feijóo ficou “petrificado” no bipartito mais agora tócalle asumir as súas responsabilidades e non mentir nin “manipular as miñas palabras”.

Neste sentido, criticou que Feijóo utilice aos galegos e galegas como escudos humanos e terxiverse os argumentos do BNG cando diferencia entre o resultado das urnas e o descontento social polas políticas de recortes.

Europa si, pero un modelo de Europa social non unha Europa que desmantela o noso agro, a nosa pesca ou o noso aforro

O portavoz parlamentar nacionalista propúxolle a Feijoó, para comprobar que si existe esta fractura, que consulte á sociedade -“vosté que tan amigo é dalgunhas consultas”, ironizou-, a ver se ten o aval da xente para seguir executando unhas políticas que non serven para reactivar a economía nin reequilibrar as contas.

Europa social

Jorquera reiterou que o BNG si cre en Europa, pero para estar en Europa non hai que ser sumisos, “nós cremos nunha Europa social, na Europa dos pobos e non nun modelo que desmantela o estado de benestar, o noso agro, o noso naval, a nosa pesca, o noso sistema financeiro e condena á ruína este País”.

O voceiro nacionalista pediu a Feijóo que tampouco minta cando fala dos traballadores das Fundacións Comarcais que van ser despedidos, que non se ampare en que foi unha decisión do bipartito, porque o bipartito prevía que fosen asumidos polo Banco de Terras “que vostedes suprimiron”.

Asemade, reclamou que non falte o respecto aos milleiros de galegos e galegas que engrosaron as listas do

paro durante a pasada lexislatura, “porque non son frías cifras, detrás delas hai auténticos dramas persoais”.

“Vostede teima en dicir –engadiu- que o paro en Galiza ten mellor comportamento que o do resto do Estado cando todo indica que nos últimos catro anos medrou por riba da media estatal e aínda que, efectivamente, a taxa segue sendo estando por baixo da media é porque a xente en Galiza ten que emigrar, os mozos e mozas teñen que marchar do País e xa non computan”.

 Dereito a decidir

 Sobre o dereito a decidir, Jorquera lamentou que Feijoó o confunda coas eleccións á presidencia de goberno e lembroulle que, por exemplo, Escocia leva moitos máis anos que Galiza votando e agora a través dun referendum vai decidir o futuro da súa forma de se relacionar co Reino Unido.

“Mentres destrúe o País –dixo- segue co conto da boa pipa, o da resignación e abulia do pobo galego, tentando anular calquera pretensión se sentírmonos capaces de producir por nós mesmos, reivindicando que Galiza non sexa un problema para España, vostede escúdase en Galiza pero vostede non cre neste País”.

 

http://youtu.be/Cjl6NVqLGJ0