Feijóo escóndese detrás do conselleiro de Sanidade para non explicar a denuncia da Fiscalía

Francisco Jorquera

Para o portavoz parlamentario do BNG, “Feijóo ten que dar explicacións e asumir responsabilidades” ante a denuncia da Fiscalía contra dous altos cargos da Xunta por homicidio imprudente e prevaricación acusados de retrasar o subministro de fármacos de Hepatite C, "por razóns orzamentarias"

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acusou hoxe ao Presidente da Xunta de eludir comparecer e “escudarse” no conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña para non dar explicacións sobre a denuncia presentada pola Fiscalía contra dous altos cargos da Xunta.

Jorquera lembrou que existe “unha presunta comisión de delito por homicidio imprudente e outra de prevaricación” contra os dous altos cargos e denunciou que o Partido popular optou, outra vez, por blindar a Feijóo solicitando a comparecencia de Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade a pesar, dixo de ser unha cuestión que excede o ámbito da consellería.

Consecuencias das políticas de recortes de Feijóo

Non o dí o BNG, recalcou Jorquera, é a Fiscalía quen acusa ao director de Asistencia sanitaria -actual xerente da Área Sanitaria de Vigo- e a subdirectora Xeral de Farmacia de incumprir, “por razóns orzamentarias”, os criterios establecidos para sufragar estes tratamentos e para que o Sr.Feijóo non se esconda detrás do conselleiro o BNG vai preguntarlle se está disposto a asumir responsabilidades políticas ante a acusación “gravísima” porque, explicou o nacionalista, mesmo foron modificadas as datas de solicitude dos fármacos para simular tempos de espera menores.

A Fiscalía asegura que as demoras “puxeron en grave risco a vida dos pacientes con resultado de morte nalgúns supostos”, baseándose en historias clínicas e e testemuñas dos seus médicos e concluíndo “que a Xunta negou ou atrasou os tratamento”. Tres doentes morreron e outros tres tiveron acceso ao tratamento cando a situación xa era irreparábel,engadiu o nacionalista.

Agardo, dixo, que Feijóo non faga seu o dito de Stalin, dito aberrante de que unha morte é unha traxedia e moitas mortes son unha estatística, “seis mortes son seis traxedias, nunca unha estatística” apostilou Jorquera polo que volveu reclamar do presidente da Xunta que deixe de presumir de ser o campión de cumprir cos obxectivos e déficit e que sitúe as súas prioridades nas necesidades máis elementais das persoas, “Feijóo debe dar explicacións e asumir responsabilidades”.

Debates á iniciativa do BNG para o vindeiro pleno

Noutra orde de cousas, Jorquera, trala Xunta de portavoces, avanzou as propostas que serán debatidas, á iniciativa do BNG, na vindeira sesión plenaria entre as que destacou: Unha proposición non de lei sobre a exclusión dos investigadores acollidos ao programa Ángelos Alvariño nas convocatorias de contrato postdoutorais e de axudas de apoio á formación postdoutoral, demandas ante o goberno central para paliar as perdas polos asolagamentos en diversos concellos de Galiza, unha moción relativa ao sector leiteiro, unha pregunta sobre o posicionamento da Xunta no reparto das cotas de xarda e a venda de tres parcelas, anunciada polo Ministerio de Defendas no Campo da Estrada, na Maestranza, na cidade da Coruña a través de poxa pública a pesar,explicou o deputado, de seren terreos comunais ocupados polas monarquía absolutistas para instalacións militares defensivas e usufrutuados por Defensa. O BNG, concluíu o portavoz parlamentario pedirá a paralalización da poxa para impedir “un pelotazo” co fin de especular cunha parte do patrimonio da cidade