Feijóo, desacreditado para falar de corrupción, usará o Parlamento como estaribel para dar un mitin

Xavier Vence, portavoz nacional

O BNG considera que o presidente da Xunta está desacreditado na súa pretensión de liderar a loita contra a corrupción porque o que único que lidera é un PP “anegado” de casos de corrupción, que inclúen o presunto financiamento irregular como figura nos papeis de Bárcenas ou nos casos Gürtel e Zeta entre outros. Neste contexto, o Bloque considera que a pretensión de Feijóo e usar o Parlamento para dar un mitin e “vender propaganda”.

“En lugar de render contas sobre todos os casos de corrupción que afectan ao PP, Feijóo vai converter a comparecencia nun mitin e o pleno do Parlamento nunha auténtica bufonada sen permitir aos grupos da oposición facer propostas para rexenerar a democracia no noso país”, denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence. “A montaña de corrupción non se pode tapar con fume”, sentencia.

Vence propón a Feijóo tres medidas concretas para adoptar de inmediato se realmente ten vontade de loitar contra a corrupción: cesar a todos os cargos do PP imputados en casos graves de corrupción, cumprir a Lei de Transparencia coa difusión de todos os contratos, e citou como exemplo o asinado con Povisa, e de paso acabar cos contratos sen publicidade. En terceiro lugar, cesar a Baltar por comprar con diñeiro público as vontades dos representantes da cidadanía fomentando o transfuguismo político.

“Que di Feijóo do uso de orzamentos públicos que fai Baltar en Ourense para comprar vontades e fomentar o transfuguismo político?”, se pregunta Vence, “porque ese é o peor tipo de corrupción, a que vulnera a vontade da cidadanía e fai chantaxe aos alcaldes e alcaldesas aos que ameaza coa marxinación senón se someten ao PP”. Como exemplo, as modificacións nas contas da Deputación para poder pagar aos rexedores “fichados a última hora na Bola e en Cortegada”, sinalou.

O Bloque demanda de Feijóo que empece por explicar os casos de corrupción que lle afectan, -casos Pokemon, Gürtel, Zeta, Orquesta, e os propios papeis de Bárcenas que recollen o suposto financiamento do PP de Galiza a través de empresas como Iberdrola ou Copasa.

“Mentres non sexa así, Feijóo está desacreditado para facer propostas e menos utilizando o Parlamento galego a modo de estaribel para un mitin do PP, e negando as outras forzas políticas a oportunidade de facer propostas reais para rexenerar a vida pública deste país”, concluíu.