Feijóo anuncia a comisión de investigación das caixas pero sen vontade de poñela en marcha

A portavoz do GP do BNG, Ana Pontón, cualifica de “lavado de cara” o anuncio feito esta mañá por Núñez Feijóo de constituir unha comisión de investigación das caixas galegas nun pleno extraordinario o próximo mes de Xullo.

Ana Pontón, en declaracións aos medios, lamentou as incoherencias do presidente da Xunta e do PP, que onte deixaron pasar a oportunidade de constituir a dita comisión de forma inmediata votando en contra das iniciativas propostas pola oposición, nomeadamente polo BNG, neste sentido.

A parlamentar considera que Feijóo viuse obrigado a facer este anuncio na sesión de control do pleno forzado pola presión cidadá, pola presión do BNG e polos traballos da Fiscalía, que están a evidenciar a connivencia que houbo cos ex directivos.

Comparecencia de Feijoó

“Por iso cremos –engadiu- que non só teñen que comparecer os xestores das caixas senón tamén os responsábeis políticos que as tutelaron, comezando polo presidente da Xunta, que é responsábel da bancarización e da reforma da Lei de Caixas que permitiu facer un traxe a medida para os ex directivos”.

A intención do PP de agardar á recapitalización de NGB para activar a comisión é demostrar que o anuncio foi un novo exercicio de propaganda

Para Pontón, cada día fica máis claro que Feijóo debe ter moito que agochar e por iso tenta impedir que se investigue e advertiu que a comisión non só ten que constituirse senón que ten que porse a traballar xa.

Neste sentido, criticou que o PP siga defendendo que non se activarán as comparecencias até que se resolva a recapitalización de NGB, a disculpa que empregou sempre Feijóo para impedir a comisión, “unha mostra máis de que o anuncio de hoxe non deixa de ser unha floritura para lavar a cara e desviar a atención”.