A falta de control e ordenación dos pisos turísticos por parte da Xunta incrementounos un 3.000%
Alexandra Fernández criticou que o PP votara en contra baixo a escusa de agardar por unha sentencia xudicial que obrigue á Xunta a exercer o control sobre os pisos turísticos
Lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara establecer canles de control e racionalidade no uso dos inmobles e amparando unha política de “lei da selva”
A portavoz de vivenda do BNG, Alexandra Fernández lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara unha proposta para controlar e ordenar o “uso dos pisos turísticos” e impedir unha práctica que se incrementou nos últimos asno no 3.000%.
Na defensa da proposición non de lei, a parlamentaria asegurou que “o modelo turístico” do Partido popular co desprazamento de residentes dos centros das cidades a zonas “turistificadas” sobre todo no litoral, favorece a segregación das cidades e vilas e reduce eses espazos a “zonas tematizadas” entendidas como zonas comerciais ao ar libre para turistas e cun efecto a medio e longo prazo que repercute sobre o propio modelo turístico xerando “entornos turísticos pobres e sen memoria cotiá”.
Para a deputada, a proposta do BNG pon o foco en “ordenar o turismo para salvar ao propio turismo” porque ao seu xuízo, resulta alarmante a falta de ordenación nunha ámbito no que existen máis de “16.000 vivendas para o uso turístico que ofertan 80.000 prazas por riba das prazas hoteleiras, situadas en 60.000”.
Alexandra Fernández alertou do incremento dos pisos turístico en máis do 3.000%. pasando de 500 vivendas rexistradas no ano 2017 a 16.500 na actualidade. Para a deputada “urxe ordenar” esta actividade e a concentración de usos en áreas moi localizadas. Nesta liña, sinalou que esta práctica non afecta só as cidades, tamén a concellos pequenos cun 50% de uso turístico, concellos intermedios cun 29%, e concellos pouco poboados e afectados polo “efecto litoral” entre os que destacou: O Grove, Cangas, Foz, Poio Barreiros, Fisterra, e nas Rías baixas co máis do 27% da oferta. Isto constata, remarcou a deputada, que “a tendencia de concentración é urbana pero tamén no litoral”.
A Xunta nin ordena nin controla o uso turístico de vivendas
A nacionalista acusou á Xunta de non actuar e non cumprir as súas competencias nesta materia e reclamou que cumpra coas medidas de ordenación e xestión do rexistro de actividades turísticas en Galiza. A Xunta, engadiu, tampouco garante o control e a legalidade no rexistro das vivendas porque “nin planifica nin controla” e mantén unha verdadeira “lei da selva”. Calquera persoa que o desexe, pode dispoñer a súa vivenda para uso turístico porque “non existen medidas de control nin ordenación”.
Ao contrario que a Xunta, os concellos procuran ordenar pero atopan grandes dificultades por parte da administración galega pola falta de control do rexistro das vivendas de uso turístico. A Xunta, só exixe “unha declaración do propietario” e non “a legalidade de que a vivenda cumpre con todos os requisitos”. Por outra parte, as persoas propietarias, só están obrigadas a presentar a licencia de primeira ocupación ou un certificado municipal que demostre que a vivenda reúne as condicións como tal pero “non para uso turístico”.
Dende o BNG propoñemos que a Xunta corrixa esta “situación de descontrol” e “modifique a normativa actual” para que a vivenda de uso turístico se sitúe nun inmoble que cumpra coa normativa urbanística e co “título municipal habilitante” para o exercicio desta actividade.
Tras a intervención da portavoz popular, Begoña Freire que xustificou o voto en contra argumentando que o goberno exercerá o control do uso dos pisos turísticos por sentencia xudicial, a nacionalista replicou que a intervención de Freire constara que a Xunta non exerce o control mentres o Tribunal Superior de Xustiza non se pronuncie e trasladou a portavoz popular sentencias do TSXG recoñecendo que debe haber unha ordenación porque existe unha actividade económica. “A Xunta ten que modificar a normativa para que sexa cumprida polos propietarios”, concluíu.