A Executiva do BNG traslada ao MAS-IPSP de Bolivia os parabéns polo triunfo electoral nas eleccións celebradas onte
A Executiva Nacional do BNG trasládalle ao MAS-IPSP de Bolivia, organización política coa que o BNG ten un acordo de irmanamento, os parabéns polo triunfo electoral nas eleccións celebradas onte, que acadou un 52’4% de resultados obtidos para o MAS, resultados que se confirmarían ao longo da semana. Asemade, o BNG traslada os parabéns ao Presidente electo, Andrés Lucho Arce, e ao vicepresidente David Choquehuanca.
Esta vitoria é un triunfo democrático do Pobo de Bolivia, que saíu a votar sen medo nun contexto militarizado e de represión, para devolverlle a lexitimidade que obtivera o MAS nas urnas nas eleccións presidenciais de 2019, nas que resultou electo o Presidente Evo Morales. As eleccións onte celebráronse 363 días despois do golpe de estado tramado pola oposición e a oligarquía co apoio de Estados Unidos e malia os esforzos do goberno golpista de celebrarse eleccións, este triunfo evidencia a contraofensiva democrática e a valentía do Pobo Boliviano de devolverlle o poder democrática e pacificamente a quen lle fora roubado pola forza e a represión
Despois daquela vitoria electoral produciuse unha reacción golpista, violenta e de masacre por parte da dereita e de forzas paramilitares e policiais que tiveron graves consecuencias contra a poboación boliviana e contra líderes do MAS, como peche de medios de comunicación, ataques a lideres sindicais, persecución racista das diferentes comunidades que integran o Estado Plurinacional de Bolivia. Esta reacción durou dende o 20 de outubro até o 10 de novembro, data na que as forzas armadas sumáronse ao golpe e forzaron a renuncia do presidente Evo Morales e do seu goberno.
Condena do golpe de Estado
O BNG condenou esa represión e violencia contra o Pobo de Bolivia, encabezada pola dirixente opositora Jeanine Añez, quen se proclamou presidenta de facto do país. Así, o BNG apoiou a presión internacional exercida dende o Parlamento Europeo, o Congreso e o Parlamento de Galiza e en diversas manifestacións nas rúas galegas, denunciado a vulneración antidemocrática, condenando o golpe fascista e pedindo que non se aceitara o recoñecemento do goberno de facto.
Desde o Bloque sumámonos á campaña internacionalista que dende moitos lugares do mundo condenou o golpe e pediu o restablecemento do poder por vía pacífica e dialogada. Así, no mes de xuño, no debate organizado pola Fundación Galiza Sempre, a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, trasladoulle ao presidente Evo Morales a nosa solidariedade e apoio.
Para a Executiva Nacional do BNG, a vitoria do MAS en Bolivia é a resposta popular contra a tentativa de desestabilización que leva facendo o goberno dos Estados Unidos en América Latina e concretamente en Bolivia polos intereses de materias primas que ten Bolivia, en especial nas reservas enerxéticas e na chamada “guerra do litio”, como antes fixeran cando Evo Morales venceu nas primeiras eleccións.