Evitar que a Lei de Amnistia se converta nunha lei de punto final dos crimes franquistas

O BNG defendeu no Parlamento a modificación da Lei de Amnistía de 1997 para evitar que, de facto, sexa utilizada como unha lei de punto final contra os crimes do franquismo, “crimes de lesa humanidade” que deu pé ao portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, a iniciar ao debate expresando a condena contra a masacre de Israel sobre o pobo palestino.

Citando o informe do relator especial da ONU para a promoción da verdade: “A lei acabou cumprindo as funcións dunha lei de punto final en tanto que foi utilizada para arquivar practicamente a totalidade dos casos que chegan aos xuíces”, argumentou.

Unha situación que debe ser corrixida “para dar resposta ás demandas das vítimas e da cidadanía” a 78 anos da “longa noite de pedra” iniciada polo golpe fascista. “Mellor citar a Celso Emilio que ao señor Feijóo, que fai poucos día se refería ao golpe do 36 como un antollo da historia”, criticou Jorquera, quen recomendaba ao presidente da Xunta reler a Castelao como antídoto “as súas intervencións no campus da FAES chamando á loita ideolóxica contra o nacionalismo”.

Jorquera fixo referencia á normativa internacional en materia de dereitos humanos e de crimes de lesa humanidade, ao Convenio europeo para a protección dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou o Estatuto de Roma da Corte Internacional Penal e o relatorio da ONU como argumentos para xulgar os crimes franquistas.

O portavoz parlamentario subliñou o esperpento de que xuíces españois investiguen crimes de lesa humanidade cometidos noutros estados e non podan facer o mesmo no Estado español, ou que cidadáns españois teñan que adherirse a procesos abertos en países de latinoamérica “para procurar a xustiza que se lle nega aquí”.

“Non pretendemos reabrir ningunha ferida, pretendemos pechalas todas e non se pode facer desde o esquecemento e a impunidade, senón promovendo a verdade, a xustiza e reparando ás vítimas”, concluíu.

A proposta do BNG contou foi desestimada cos votos en contra do PP e do PSOE, agás unha abstención deste grupo.