A Eurocámara recibe unha denuncia colectiva dos afectados pola estafa das preferentes
Representantes de plataformas de todo o país explicaron a situación ante a Comisión e a Eurocámara nunha visita institucional propiciada polo BNG
Así o transmitiu a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, na reunión celebrada na Eurocámara con motivo da visita dun grupo de representantes das plataformas dos afectados para presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións, a instancia ante a que os cidadáns da UE poden presentar as denuncias ante o Parlamento Europeo.
Neste sentido, o grupo está formado por un total de 20 representantes das plataformas de Lugo, Santiago, Salnés, Baixo Miño, Ferrolterra, Moaña, Morrazo, Condado-Louriña-Paradanta, Redondela-Arcade, Arousa, e organizacións como Adicae-Vigo e Agaprofi A Coruña.
O obxectivo é darlle aos afectados a posibilidade de coñecer de primeira man, -nun encontro co secretario da Comisión de Peticións, David Lowe-, o proceso de presentación da denuncia ante Bruxelas e de familiarizarse con todo o percorrido que atravesará a denuncia desde que chega á Comisión de Peticións, ata que os cidadáns comparecen para explicar o caso ante as eurodeputadas e eurodeputados e a posterior emisión dun ditame por parte do Parlamento Europeo.
Previamente, da man do BNG mantiveron un encontro co director da Dirección Xeral de Mercados Financeiros e Interior, Emil Paulis, quen foi contudente ao explicar que son as institucións comunitarias as que aproban a normativa, pero que corresponde ao Estados membros velar polo seu cumprimento. Igualmente, recomendou aos representantes dos afectados que a vía xudicial ou a arbitral son as máis acaídas para que podan recobrar a totalidade dos seus aforros.