Ana Miranda: “Preocupámonos pola incertidume dos residentes no Reino Unido tras a votación do Brexit”
A eurodeputada do BNG lembra que son máis de 40.000 persoas afectadas entre traballadores e estudantes
Desde a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo, onde se está celebrando un debate de urxencia sobre o Brexit, a eurodeputada Ana Miranda expresa a preocupación do Bloque pola incertidume a respecto da situación dos residentes galegos no Reino Unido tras a votación celebrada onte no Parlamento británico.
“Estamos moi preocupadas sobre o impacto que vai ter unha saída desordenada do Reino Unido da Unión Europea en dous temas principais: a libre circulación das persoas e o impacto que esta situación terá nos sectores produtivos galegos”, explica Ana MIranda en reacción inmediata ao debate que se celebra en Estrasburgo.
No tocante á libre circulación de persoas, o BNG ten unha “enorme preocupación” sobre como pode afectar as máis de 40.000 galegas e galegos no Reino Unido, tendo en conta a emigración que levou a tantos mozos e mozas ao Reino Unido e aos traballadores alí desprazados. O impacto na saúde é outro dos aspectos que centran a preocupación da eurodeputada nacionalista, xa que repercute notablemente na calidade de vida das persoas alí desprazadas.
En relación ao impacto do Brexit nos sectores produtivos galegos, Miranda xa se dirixiu con esta cuestión á Comisión Europea en varias ocasións, e na liña indicada hoxe polo comisario para o Brexit Michel Barnier, “o BNG tamén considera que ten que haber unha transición ordenada que permita negociar caladoiros de pesca para a frota galega”. Ademais da pesca, o téxtil é outro dos sectores que se verían máis afectados pola desconexión do Reino Unido, en concreto en relación ás exportacións.