Estado: o orzamento de Presidencia baixa un 3,8% face o 13% de Sanidade e o 21% de Educación
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reprochou no Pleno á Ministra de Presidencia e Vicepresidenta Primeira do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, que só reduzan o orzamento do seu departamento nun 3,8% cando recortan en servizos básicos como a Educación nun 21% ou na Sanidade nun 13%.
Soraya Sáenza de Santamaría interviu no Pleno para dar conta do orzamento do Ministerio de Presidencia no debate que se está producindo esta semana no Congreso sobre os Orzamentos Xerais do Estado 2012.
Críticas á diferente vara de medir: menos para servizos básicos
Señora Ministra, vostés reducen o orzamento en Educación nun 21%, en políticas para emprego un 21%, en Sanidade nun 13%, mentras só se recorta en Interior un 4%, en Defensa un 8,8% e no seu Ministerio un 3,8%. O cal indica a diferente vara de medir que teñen á hora e disminuir os orzamentos, espetou Davila.
A parlamentar do BNG criticou que decidan aplicar os maiores recortes en servizos básicos que son fundamentais para a cidadanía. E destacou que a enorme reducción das partidas para políticas de emprego pode levar en Galiza á eliminación de 4.000 postos de traballo.
Olaia Fernández Davila salientou as emendas do BNG para mellorar as partidas en Educación, sobre todo máis cartos para bolsas e axudas. Demandamos máis recursos para as Políticas de emprego, para a sanidade e a Lei de Dependencia. Davila advertiu que se non hai reactivación económica non se recupera o consumo e entón sucederá o que vostés pronostican para final de ano: incrementarase o paro. Así, defendeu o impulso do gasto público porque crea emprego.
No que atinxe á sección de Agricultura, Davila expuxo as emendas do BNG que teñen por finalidade fixar poboación no rural e rematar co peche de explotacións gandeiras. Neste sentido, lembrou que no ano 2011 pecharon na Galiza 750 explotacións agrarias , e o mesmo Goberno calcula que esta situación se pode reiterar neste ano.
En Medio Ambiente, a deputada do BNG defendeu as emendas do BNG para mellorar as partidas para recuperar as Rías galegas e executar os proxectos de saneamento e depuración de augas, ámbitos nos que non observamos compromiso por parte do Goberno.