Escoita a entrevista a Francisco Jorquera na RG

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, concedeu a pasada fin de semana unha entrevista que se emitiu na emisora pública galega. Nela fala do proceso de reflexión interna no que está inmerso o BNG do que afirma que é "enormemente participativo" e do que agarda extraer "propostas concretas para facer as correccións necesarias na nosa forza política".

O portavoz parlamentar afirmou que o BNG fará un "traballo de oposición duro e contundente no que poremos sobre a mesa alternativas que demostren que é posíbel outro discurso e outra vía". "Levaremos a rúa ao Parlamento e o Parlamento á rúa", afirmou Jorquera.

Sobre os resultados das pasadas eleccións, Jorquera afirmou que "o discurso do PP de que non había alternativa calou na sociedade, pero agora nós temos que reflexionar sobre o noso estilo de facer política, a nosa maneira de traballar e cambiar aquelo que poidamos".

Francisco Jorquera salientou, asemade que, para o BNG, "a unidade do nacionalismo foi sempre unha ferramenta indispensábel para avanzar no proxecto nacionalista", e remitiuse a un horizonte no que se poidan superar as divisións existentes.

Finalmente, no actual marco no que Euskadi e Catalunya van ampliar o seu autogoberno, Jorquera afirmou que "para Galiza é máis importante ca nunca apostar por forzas políticas propias".

/redirect/content?slug=RG-entrevista-Francisco-Jorquera.mp3