Encontro de pontón con mulleres en Redondela ás que traslada as propostas do BNG en favor da igualdade real
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro feminista en Redondela cunha ampla representación de mulleres de distintos sectores económicos, sociais e culturais do concello, nun café tertulia que se celebrou no Museo de Rande organizado pola histórica militante Cecilia Pérez Orxe.
A dirixente nacionalista aproveitou para parabenizar a todas as mulleres pola mobilización histórica do pasado 8M que deixo as claras “que estamos fartas de ser discriminadas, de soportar violencia e de levar a peor parte polo simple feito de ser mulleres, e demostramos que estamos fartas das boas palabras que non se concretan en nada máis aló de declaracións protocolarias e lazos lilas”.
“E agora que?” prateaba Pontón para explicar as medidas concretas que propón o BNG, nun encontro no que moitas das mulleres compatibilizan xornada laboral e xornada de traballo doméstico. Neste sentido, propón incrementar os permisos por maternidade e paternidade e que estes sexan obrigatorios e intransferibles para facilitar a conciliación da muller.
Centrada na loita contra a desigualdade salarial o Bloque formula tres medidas. En primeiro lugar, sancións ás empresas como ás que existen en Francia, Bélxica ou Islandia, ante a evidencia non se cumpre a Lei de Igualdade e, ao mesmo tempo, reforzar as inspeccións laborais.
En segundo lugar, o Bloque aposta pola transparencia salarial con información desagregada por niveis salariais, composición, pluses e complementos, que é onde radica o fondo da discriminación. E auditorías salariais nas empresas que superen os 50 traballadores ou traballadoras para detectar situacións de discriminación, tal como recomenda a Unión Europea.
Igualmente, elaborar desde o Parlamento unha Lei galega pola igualdade salarial, -que inclúa sancións a quen incumpra o principio de a igual traballo igual salario-, excluír da contratación pública ás empresas que discriminen ás mulleres, suprimir as subvencións aos centros educativos que segregan por sexo e impulsar a creación dunha Valedora da Igualdade, similar a dos países nórdicos, para combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres.
“A loita contra a discriminación e contra a violencia que soportamos as mulleres ten que ser unha prioridade política, e chegou o momento de dicir que non estamos disposta a seguir vivindo baixo o paradigma da desigualdade”, concluíu, tras salientar a importancia do papel das mulleres nesta loita “somos as que vamos gañar esta batalla”.