Emenda á totalidade para un referendo consultivo sobre a monarquía e polo dereito a decidir
O BNG deixa claro que formula esta emenda á totalidade con texto alternativo para que se aborde a renuncia presentada desde unha perspectiva democrática, sometendo a decisión libre e directa de todos os cidadáns o futuro modelo político-institucional baseado no dereito a decidir das nación que compoñen o estado español.
No texto alternativo, o BNG recolle no artigo 1 que As Cortes toman coñecemento da abdicación da Xefatura do Estado de Juan Carlos I, e que a abdicación se fará efectiva no momento de entrada en vigor da presente lei orgánica.
Referendo consultivo polo dereito a decidir
Nun artigo 2, o BNG pide nun primeiro apartado que nun prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor desta lei, o Goberno convocará un referendo consultivo para someter a decisión democrática un novo modelo político e institucional que, ademáis da determinación sobre o modelo de Xefatura de Estado, recoñeza a soberanía das nacións e o seu dereito a decidir.
Nun seguinte apartado, as deputadas do BNG engaden que a aprobación maioritaria do referendo consultivo suporá o inicio de procesos constituíntes onde se recoñeza ás nacións que integran o estado español o dereito de autodeterminación e a súa condición de suxeito de soberanía con capacidade plena para decidir sobre o seu modelo político e institucional.
O sistema monárquico non nace da vontade popular
O BNG realiza unha longa exposición de motivos no que indica o proceso de abdicación iniciado consolida un réxime que non ten orixe democrática. Afirma que o sistema monárquico non está baseado na vontade popular expresada en comicios libres senón na tradición dinástica. Ademáis, de que a designación do actual Xefe de Estado como Rei provén da lexislación da ditadura franquista.
Sinala o BNG que a actual monarquía encarna, polo tanto, a transición deseñada e executada desde os poderes do réxime ditatorial. Reprocha ao Goberno e ao bipartidismo que cunha sucesión automática pretenda deixar intacto non só o símbolo dunha Xefatura do Estado monárquico senón o que simboliza: un estado unitario e centralista que rexeita o exercicio do dereito das nacións e pobos que o integran a poder decidir libre e democraticamente o seu futuro.
Un novo modelo que recoñeza o dereito a decidir das nacións
As parlamentares do BNG poñen de manifesto que o trasfondo deste proxecto de lei ten un enorme alcance, pois non regula só un relevo, senón que intenta afirmar a continuidade dun réxime político e institucional que na actualidade está cuestionado. Para o BNG é incuestionáble que a cidadanía demanda liberdade e capacidade de decidir.
As deputadas nacionalistas galegas consideran que se poderá comezar a edificar un verdadeiro sistema democrático co inicio dun proceso constituínte que supoña unha ruptura cos vínculos do réxime franquista, e a conformación dun novo marco institucional e político que recoñeza o dereito de autodeterminación e da soberanía das nacións que integran o estado en base á vontade expresada pola cidadanía.
As deputadas do BNG manifestan que a crise económica acentuou a recentralización política. Neste proceso, nacións como Galiza viron como as consecuencias negativas se intensificaban na súa poboación. Por iso recalcan a aposta do BNG de reivindicar unha República de Galiza como alternativa á inserción dependente nun modelo de estado que está a practicar políticas anti sociais e de destrución da súa capacidade produtiva.