Emenda á totalidade á LOMCE por "debilitar o ensino, por confesional, recentralizador e clasista"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha emenda de devolución da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que será debatida nas sesións plenarias do 16 e 17 de xullo.

A deputada do BNG pón de manifesto que se trata dunha lei que “concitou o rexeitamento unánime dos sectores relacionados coa educación, provocou críticas do Consello de Estado, e foi incapaz de suscitar o mínimo consenso para unha lei educativa defensora do ensino público de calidade e respeitosa coas dereitos lingüísticos das Comunidades con lingua propia”.

Son varias as ocasións nas que o BNG pediu a retirada do proxecto, e voltará a facelo no debate desta emenda á totalidade no Pleno.

Rosana Pérez afirma que esta lei “debilita o ensino público e de calidade, non garante a igualdade de condicións, orienta o éxito escolar cara unha minoría favorecida socialmente e conduce ao fracaso escolar ao alunado con menos recursos. Aprofunda as desigualdades sociais ao impedir que os sectores sociais máis desfavorecidos o acceso ao ensino post obrigatorio e universitario”.

Unha lei que incentiva as desigualdades sociais

Critica a deputada do BNG que se favoreza o ensino privado e a legalización das subvencións a centros que segregan por razón de sexo”. Outra das críticas que o BNG fai é que se trata dunha norma que “recentraliza o sistema educativo, reduce a capacidade legal das CC.AA con lingua propia de fixar ensinanzas mínimas”. Reprocha a Wert que “incluso se contemple a matriculación do alunado que escolla o castelán como lingua vehicular nun centro privado e pagado con carto público”.

Outro dos puntos que o BNG alega para rexeitar o texto do Goberno é que “é oposto a un ensino laico e reforza a confesionalidade por estabelecer que tanto a relixión como a súa alternativa serán evaluábeis, e a súa nota vaise ter en conta para a media do curso”. Rosana Pérez tamén amosa a disconformidade do BNG co feito das avaliacións externas e reválidas uniformizadoras en todo o territorio estatal, o que supón devaluar a profesionalidade do profesorado”. Para a deputada nacionalista a lei “desprestixia e desvaloriza ao profesorado, xa que se impoñen graves axustes e recortes nos dereitos profesionais do profesorado co único obxectivo de reducir as plantillas”.

De igual xeito, “desvaloriza a formación profesional, tanto no que atinxe á Formación Profesional Básica, como na Formación Profesional Dual”.

En definitiva, conclúe Rosana Pérez, levará ao aumento do fracaso escolar.