Emenda á totalidade do BNG contra uns orzamentos “que consolidan os recortes sociais e a privatización de servizos públicos”
- O BNG propón un cambio “cualitativo e cuantitativo” na loita contra a violencia machista pasando de 5 a 95 millóns de euros nos orzamentos de 2017
- Presas explica a emenda á totalidade contra unha contas “continuistas, que consolidan os recortes sociais e a privatización de servizos públicos”
O BNG presentou unha emenda a totalidade de devolución dos orzamentos de 2017 presentados polo Goberno galego por tratarse dunhas contas “continuistas, onde a única partida realmente expansiva é a da débeda pública, pero que consolida os recortes en servizos públicos e sociais, que acumulan unha redución de 10.000 millóns de euros desde a chegada de Feijóo”, explicou a deputada Noa Presas en rolda de prensa.
“Os orzamentos enviados pola Xunta non servirán para reactivar a economía, nin para garantir políticas sociais indispensables na loita contra a desigualdade e a favor da cohesión”, abondou Presas, quen apelou aos últimos datos de paro rexistrado e a recente enquisa de fogares do IGE para subliñar a necesidade de medidas contra a pobreza e as dificultades económicas da maioría social. “375.000 familias teñen uns ingresos non superan os 600 € ao mes”, indicou.
A emenda á totalidade do BNG é tamén unha alternativa orzamentaria ao proxecto do Goberno, con catro grandes liñas. Priorizar o gasto social, blindar os servizos públicos incluíndo o progresivo de rescate das privatizacións, aposta por un modelo produtivo baseado na I+D+i en todos os sectores e a loita contra a violencia de xénero.
“Na loita contra todas as formas de violencia machista a proposta do BNG supón un salto cuantitativo e cualitativo porque pasa de 5 a 95 millóns de euros os recursos dispoñibles nas contas de 2017. Pensamos que é un problema de máxima urxencia e para iso hai que ter recursos e revisar todo o que, é obvio, non está funcionando nesta loita”, explicou Presas.
As prioridades que marca o Bloque na emenda á totalidade ten a súa correlación en recursos nos orzamentos. Así, en materia de política social habilita unha partida de 12 millóns de euros para financiar unha Renda de garantía social para as persoas e familias con maior necesidades, que se complementa con 4 millóns para un Plan de emerxencia social dirixido aos casos máis urxentes.
Para blindar servizos públicos e reverter privatizacións, destacan 115 millóns para recuperar a xestión integramente pública do Hospital de Vigo e outros centros, 105 millóns para reducir as listas de espera, 54 para a contratación de persoal sanitario e 60 para financiar un Plan de mellora da atención primaria. En materia educativa, 22 millóns para contratación de persoal, 14 para bolsas universitarias, 22 para impulso da cultura galega.
En canto aos sectores produtivos, a aposta do BNG pasa por basear o crecemento económico e a creación de emprego na I+D+i. Neste sentido, 55 millóns para un Plan de industrialización, 30 para financiar actividades pesqueiras e 40 para o medio rural, todas partidas con alto contido en investigación e desenvolvemento.
Fiscalidade progresiva e imposto ás grandes fortunas
Presa explicou de onde proceden os cartos que financiaran as propostas nacionalistas. “Suprimindo gasto superfluo ou prescindible, como gasto corrente, de gabinete, exceso de publicidade e externalización de servizos, modificación de partidas que entendemos prescindibles”, indicou. Igualmente, actuando pola vía dos ingresos.
“Aplicando unha política fiscal máis progresiva, utilizar as competencias fiscais para gravar os grandes patrimonios e a creación dun imposto ás grandes superficies, o que aportaría arredor de 135 millóns de euros extra”, concluíu.