Emenda á totalidade do BNG á Lei de Montes por impór un modelo forestal centralista

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha emenda á totalidade ao proxecto de lei de Montes presentado polo Goberno.

Critica a deputada do BNG o enfoque continuista desta proposta de lei, “sendo un texto debedor da orientación centralista da lexislación forestal anterior, que procede do ano 1957”. A deputada do BNG censura que o Goberno siga co mesmo erro de plantexamento “pois realiza a mesma análise da realidade forestal para todo o estado, e pretende un modelo de intervención sobre os montes homoxéneo sen ter en conta as distintas realidades territoriais como a galega”.

A deputada nacionalista recrimina ao Goberno do PP que “insista en avanzar nunha planificación con deseño centralista, absurdo para abordar espazos forestais que pola súa diferente natureza requiren políticas diversas”. Afirma que esta materia correspóndelle ás CC.AA. Reprocha ao Executivo que “limite e condicione a aprobación e posta en marcha de políticas de planificación, xestión e aproveitamento dos recursos forestais en base á ficción dunha necesidade de planificación estatal onde as CC.AA só “participan” ou son “tidas en conta”, pero en ningún caso interveñen decisivamente”.

O PP impón un modelo uniformizador

Acusa ao Goberno de “impór un modelo forestal uniformizador que dificulta a súa adaptación en determinados territorios por ser diametralmente á súa realidade forestal, o que levará a conflitos sobre o seu aproveitamento e usos, e provocará o seu abandono”. Explica que Galiza padeceu unha agresiva política forestal “debido á imposición dun modelo alleo aos seus intereses”. Lembra que a agresiva política forestal foi deseñada “inicialmente polo estado cando o réxime era a dictadura, pero tivo continuidade após”.

Davila concorda na ordenación e planificación dos terreos forestais pero “debe ser desde as CC.AA e conforme a criterios propios, sen manter a subordinación a estratexias forestais unitarias”-

Outros dos aspeitos criticado polo BNG é o relativo aos axentes medioambientais. Denuncia Davila que a ordenación sobre os axentes medioambientais incorporada polo Goberno non foi comunicada aos representantes nin ás CC.AA. “É unha regulación discutíbel, por ser parcial cando se debería abordar un tratamento integral do estatuto dos axentes forestais en base a un mínimo común denominador da profesión que permita o necesario desenvolvemento por parte das CC.AA en base ás súas especificidades”.

Ademáis, Davila considera que a facultade sobre a recalificación de terreos queimados debe corresponder unicamente ás CC.AA: “os usos dos terreos queimados debería ser unha facultade reservada ás autonomías”.

Conclúe a deputada do BNG sinalando que “este proxecto de lei contén os mesmos erros que as normas precedentes: insístese nun modelo global, nunha planificación estatal dos montes, e non se emenda a errática visión centralista”. Davila subliña que “esta política forestal errónea causou graves desequilibrios en zonas como na Galiza”.