Parlamento Europeo

A eliminación de atrancos na fronteira entre Galiza e o norte de Portugal, máis cerca grazas ao traballo do BNG

Ana Miranda
Ana Miranda: “Imos traballar para que o posto de cooperación transfronteiriza estea en Galiza e non noutros territorios”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a importancia que ten para Galiza a aprobación do novo regulamento de cooperación transfronteiriza “BridgeforEU”, despois de seis anos de parálise, no obxectivo de eliminar as dificultades administrativas e legais nos territorios transfronteirizos da UE e que padecen de forma moi directa as persoas que viven na fronteira galego-portuguesa.

“Grazas ao traballo do BNG aprobamos onte unha lexislación que levaba seis anos parada e que vai beneficiar a máis de 15.000 persoas galegas que viven na fronteira galego-portuguesa e que cada día a cruzan para ir a traballar, para ir estudar... ”, manifestou a eurodeputada galega, que é unha das relatoras do novo regulamento europeo, xunto a eurodeputados de outros grupos.

Segundo explica Ana Miranda, a eliminación destas dificultades é unha reclamación que leva feito o BNG desde os distintos concellos limítrofes, así como no Parlamento Galego “e que conseguimos grazas a ter un escano no Parlamento Europeo”. “Imos traballar agora para que o posto de cooperación transfronteiriza para eliminar estes atrancos estea situado en Galiza e non vaia para outras partes limítrofes do Estado”, destacou, xa que ao seu xuízo Galiza ten que ser “a cabeza na loita” para eliminar os problemas concretos que vive a cidadanía que vive ana fronteira.

Experiencia valiosas

Neste sentido subliña que Galiza ten “experiencias moi valiosas” como é o caso da Eurocidade Tomiño – Cerveira e a figura de valedor de cooperación transfronteirizo “que pode ser exportable a Europa”. Precisamente o traballo desenvolvido pola Eurocidade Tomiño – Cerveira foi posto en valor na conferencia organizada polo BNG o pasado venres en Tui baixo o título “BridgeEU: Pontes e non barreiras nas fronteiras”.

Nesta conferencia, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, debullou a experiencia desta Eurocidade dende a súa creación e sinalou que a figura do Valedor Transfronteirizo ten o obxectivo de abordar os problemas concretos da cidadanía relacionados coa cooperación transfronteiriza. Ademais, mencionou a importancia da coordinación das axendas culturais e deportivas entre as dúas vilas, aspecto que tamén salientou o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen deu conta dos avances acadados na Eurocidade Verín – Chaves.

Ademais da necesidade desta coordinación, a eliminación dos problemas administrativos relacionados co ensino e a sanidade foi outro dos aspectos salientados polos diferentes participantes na conferencia, que contou asemade coa intervención da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez, así como das portavoces do BNG en Tui, A Guarda, Salvaterra de Miño e As Neves.