As eleccións europeas son unha oportunidade para frear as prácticas corruptas e os recortes do PP
En maio temos eleccións ao Parlamento Europeo e o BNG aspira a unha representación potente e directa de Galiza en Europa da man da nosa eurodeputada Ana Miranda. Temos que levar alí a voz da nosa nación, dos nosos sectores produtivos esnaquizados por políticas europeas e españolas inxustas. Temos unha oportunidade para empezar a construír outra Europa, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, na conferencia política do Bloque coa participación das 40 organizacións da Alianza Libre Europea (ALE), que celebraron en Santiago a XII Asemblea Xeral.
É evidente que Feijóo non ten un proxecto de futuro para Galiza, colabora submisamente no proceso recentralizador do PP estatal, asume un rol subsidiario e actúa ao servizo dos lobbies económicos madrileños: gran banca, eléctricas, grandes construtoras e empresas de servizos, argumento Vence, quen tamén subliñou que os comicios á Eurocámara son unha oportunidade para penalizar as prácticas corruptas do PP que poñen en evidencia as diferentes tramas investigadas pola xustiza.
Na trama Pokemon pedímoslle a Feijóo que cese aos corruptos pero, en realidade, como vai facelo se el é o xefe dun partido corrupto de arriba abaixo, que goberna en contra da maioría social e do país, interpelaba o portavoz nacional.
Exemplo de Pontevedra
Neste sentido, Vence replicou ao intento do PP de pór o ventilador para insistir no seu discurso de xeneralizar as prácticas corruptas. Non, non somos iguais, no BNG estamos contra a privatización de servizos públicos e, como queda evidente no sumario da Pokemon, senón entraron en Pontevedra, onde gobernamos desde 1999, é porque non somos iguais, é porque o BNG non se corrompe.
Soberanía versus centralismo
O dirixente do Bloque expuxo ante os responsables políticos de Catalunya, Euskadi, Escocia, Gales, Flandes e das outras nacións sen estado representadas na ALE, que é necesario mudar as regras e as políticas se queremos recuperar o benestar da maioría social. Empezando por acadar maiores cotas de autogoberno camiñando cara a soberanía, co ritmo que marque a cidadanía de cada país.
O dereito a decidir é un dereito democrático que non pode ser negado por ningún demócrata europeo. Porén, o estado español e outros estados europeos negan o seu exercicio. Tamén a Comisión Europea e o seu presidente conservador, Durão Barroso, actúan como cancerbeiros dos estados negacionistas, denunciou.
Razón pola que considera necesario unir forzas na UE en defensa do dereito de autodeterminación, porque con estes gobernos, con estas regras, con estas políticas non é posíbel saír da crise. Non é posíbel impulsar a economía produtiva e o emprego. Non é posíbel preservar as conquistas do estado dos servizos públicos avanzados como a sanidade, educación, servizos sociais. Para isto queremos a soberanía, recalcou, Vence.
O portavoz nacional salientou a importancia dos procesos de Escocia e Catalunya como estímulo para o resto das nacións sen estado de Europa, como Galiza, por iso avogou por sumar todas as voces dos demócratas para esixir ao Estado Español que respecte o dereito a celebrar o referendo con todas as garantías. O avance de cada un de nós depende do impulso dos nosos respectivos pobos, concluíu.
A conferencia política do Bloque foi clausurada pola candidata do BNG ás europeas, Ana Miranda, tras as intervencións do secretario xeral de ERC, Jordi Solé, e o eurodeputado pola coalición Europa do Pobos e membro de Aralar, Iñaki Irizabalbeitia. O e a XII Asemblea da ALE pechouse coa interpretación do himno galego.