"Economía para as persoas", artigo de opinión de Carme Adán

Velaquí reproducimos o artigo de opinión da deputada do BNG Carme Adán sobre a lexislatura que vén de comezar no Parlamento de Galiza. Este texto publícase hoxe no xornal "De Luns a Venres".

"Economía para as persoas"

Comezou a IX lexislatura do noso Parlamento galego co obrigatorio debate de investidura. O candidato Feijóo esqueceu que detrás dos números, do déficit cero ou das quitas das preferentes hai persoas. Hai persoas sen traballo, sen bolsas de estudo, sen posibilidade de

afrontar o pago da hipoteca da súa vivenda.

Hai dramas humanos que ata hai ben pouco non podiamos imaxinar tan preto. De feito, ata hai ben pouco uns cobizosos bancos animaban xente a pedir un crédito. “Quen non merca un piso é porque non quere”, escoitábase nas oficinas das caixas. Hoxe as caixas galegas non existen e os banqueiros reclaman o que antes semellaban regalar.

Estes mesmos bancos e banqueiros reciben cartos públicos por despediren os seus empregados, reciben cartos públicos para tapar os seus buratos de mala xestión. Ese diñeiro público é unha parte fundamental da débeda pública actual. Esa débeda, tan socorrida para reducir persoal sanitario ou profesorado, é unha débeda en gran parte ilexítima.

Hoxe no Parlamento escoitamos a Jorquera pedir unha auditoría para non pagar a débeda que non é das persoas, senón dos bancos. Os parlamentarios e parlamentarias do PP rían. Eu aínda non entendo de que rían. ¿Onde está a graza de esixir que as persoas non paguemos

as débedas dos bancos? ¿Acaso alguén rescata as persoas desesperadas por non poder pagar a súa hipoteca? ¿Alguén rescata as persoas desesperadas porque non atopan traballo?

A economía necesita que lle deamos a volta. Cómpre que o BCE, FMI e demais gobernos financeiros e políticos deixen os números, as cifras ou os mercados de valores como única folla de ruta e miren as persoas. Estas son a verdadeira finalidade dun sistema económico, non un medio para o enriquecemento duns escollidos.