A documentacion achegada por NGB proba que Vendex non fixo ningún ingreso na conta do Bloque

O Bloque Nacionalista Galego fixo pública a documentación achegada esta mesma mañá por NovaGaliciabanco na que se constata que a empresa Vendex non realizou ningún ingreso na conta que o BNG ten nunha sucursal da Coruña por importe de 6.000 euros con data 19 de maio de 2011.

A documentación facilitada pola entidade indica que o ordenante dese ingreso concreto foi o propio BNG nunha conta bancaria titularidade da propia formación nacionalista. O ingreso foi realizado coincidindo cunha campaña electoral, en que son habituais achegas de militantes, simpatizantes e outros ingresos extraordinarios como a venda de material.

A documentación achegada por NovaGaliciaBanco non permite aclarar cal foi a persoa concreta que realizou o ingreso nunha conta bancaria que tiña varios titulares autorizados, algún dos que, a día de hoxe, non é xa militante do BNG.

Nas explicacións, públicas e inmediatas, do secretario de organización, Bieito Lobeira, a formación nacionalista tamén trasladou a súa estrañeza polo feito de que no sumario apareza unha documentación, -con folio de referencia 075313-, na que se recolle unha información falsa, á vista das probas achegadas pola propia entidade bancaria, derivada das declaracións da responsable da sucursal.

O BNG valora a pertinencia de adoptar algún tipo de medida legal, dado o prexuízo evidente causado e, igualmente, expresou o seu desconcerto polo feito de que os axentes instrutores non tivesen solicitado ningunha proba documental que ratificase as declaracións que desmenten as probas documentais da entidade. Requirimento que o BNG considera elemental.

Lobeira subliñou que as contas do Bloque correspondentes ao exercicio de 2011, onde se inclúa ese ingreso, foron fiscalizadas e validadas polo Tribunal de Cuentas sen apreciar ningún tipo de irregularidade. Da mesma maneira, Lobeira reiterou que a postura do BNG é de “tolerancia cero” contra a corrupción, ademais de que as investigacións en curso deben levarse ata as últimas consecuencias, lembrando que o Bloque non ten nin un só cargo ou responsable político imputado en ningún dos numerosos casos de corrupción que están a ser investigados pola Xustiza.