O ditame do BNG na comisión de incendios propón superar o monocultivo forestal por un monte multifuncional
“Feixóo está máis preocupado por apagar os lumes do PP e cubrir a vacante de Raxoi que por atender as necesidades de Galiza”, denuncia Ana Pontón
Suárez Canal aplaudido nas V Xornadas Parlamento Aberto: “Demostrou que o nacionalismo ten alternativa de futuro para o medio rural”
Critica que a Xunta se desentenda das franxas de protección para responsabilizar aos concellos
En plena temporada de risco de lumes, -que de momento ten na meteoroloxía o mellor antídoto-, o BNG denuncia a parálise da Comisión parlamentaria de estudo dos incendios, creada tras os dramáticos días de outubro no que Galiza foi pasto das lapas.
“O pasotismo e o silencio do señor Feixóo volve repetirse tras os días negros que viviu Galiza en outubro e así temos unha comisión de estudo sobre os incendios que aínda non ten conclusións, e non vemos que o PP teña ningún interese en que as conclusións sexan unha análise crítica para saber que pasou e poder abordar un cambio real”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na inauguración das V Xornadas Parlamento Aberto, neste caso sobre o futuro do monte galego.
Por contra, avanzou que o BNG ten listas as súas conclusións, nas que propugna un cambio de modelo. “Imos presentar de inmediato o ditame dentro da comisión cunha aposta decida por cambiar o monocultivo de especies, -auténtico combustible para os incendios-, para mudar cara un modelo de monte multifuncional, que é un paso clave. Se adoptamos os cambios necesarios daremos un futuro esperanzador ao medio rural”, subliñou.
“Se queremos poñerlle couto aos incendios temos que apostar por un monte multifuncional, apostar con claridade por unha nova política forestal, por madeiras de calidade, por un monte tanto produtivo como de ocio. O monte pode xerar emprego e riqueza, e aí están os exemplos de boa xestión, pero é preciso un impulso da Xunta para ter un monte coidado e ordenado, base tamén dun rural vivo”, afondou.
“Tras a catástrofe en Portugal dirixinme ao presidente da Xunta para abrir un debate de futuro porque hai moitas analoxías coa situación do monte no país veciño e non estábamos libres de sufrir unha vaga de lumes como a vivida ao outro lado do Miño. Nin sequera contestou a aquela proposta sincera para cambiar a política forestal e de xestión de monte”, denunciou.
Días negros e pasotismo
“O seu pasotismo volve repetirse tras os días negros que viviu Galiza na vaga de lumes de outubro, e vemos un Feixóo preocupado por apagar os incendios do PP e por cubrir a vacante que deixa Raxoi pero que non ten a cabeza en atender as necesidades de Galiza neste tema clave”, criticou Pontón.
Como proba de irresponsabilidade, a despreocupación do goberno polas franxas de protección máis alá de dar ultimatos aos concellos, a maioría sen medios suficientes para abordar esta cuestión. “A Xunta non fixo os deberes porque non houbo política preventiva, e até agora o Goberno do PP no foi máis aló de responsabilizar aos concellos pola falta de franxas de protección sen aportar sequera axuda orzamentaria”, recalcou a dirixente do Bloque.
As xornadas, coordinadas polo portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, contaron coa presenza de expertos como Edelmiro López e Mar Pérez, ambos docentes de Economía Aplicada na USC, Xabier Bruña, enxeñeiro de montes, e o presidente da Asociación Galega de Pastos e Forraxe, Eloi Villada. E contou tamén coa participación do ex conselleiro de Agricultura Alfredo Suárez Canal, quen recibiu un sentido aplauso de todas as persoas asistentes. “Demostrou que o nacionalismo si ten unha alternativa de transformación do medio rural”, proclamou Pontón.
Moratoria e recuperación de terras agrarias
O futuro do monte galego e do medio rural é un debate de país que require de intelixencia colectiva, recoñecer os erros e cambiar tendencias. Entre as propostas nacionalistas, dotar aos concellos de recursos para executar as franxas de seguridade, un dispositivo de prevención e loita contra os lumes 100% público, profesionalizado e con mando único.
O BNG tamén inclúe medidas a medio e longo prazo como un Plan forestal consensuado partindo dunha moratoria na plantación de eucalipto nas zonas de alto risco e a recuperación das 35.000 Has ilegais plantadas en terras agrarias. Igualmente, un plan para limpar o monte e mudar o abandono actual por un aproveitamento multifuncional e, finalmente, un Plan territorial integrado que ordene o monte fronte aos incendios, similar ao que existe para o litoral galego.