O director da Axencia Tributaria comprométese a revisar as sancións d@s emigrantes retornados

A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou unha pregunta sobre anulación de sancións, intereses de demora e prazos para facilitar as cantidades reclamadas

Tereixa Paz volveu a reclamar hoxe no Parlamento galego, unha solución aos requirimentos e sancións a  emigrantes galegos retornados.

Na súa intervención, a parlamentaria explicou que os requirimentos enviados, dende hai un ano, pola Axencia Tributaria imponlles sancións por non ter tributado as pensións no estranxeiro, a pesar de non existir “mala fe nin ánimo de defraudar” por parte das persoas afectadas.

Esta cuestión, dixo, estase a converter nun clásico nesta comisión e o BNG traerá a Parlamento, todas as veces que sexa necesario, esta problemática ata que por fin poidamos darlle unha solución.

Paz lembrou que o propio Parlamento galego acordou instar a Axencia Tributaria para realizar unha revisión a fondo dos expedientes para evitar unha situación tan inxusta e mesmo iniciar a súa paralización para que os afectados/as non foran tratados como “defraudadores”.

Despois deste acordo, dixo, os emigrantes retornados seguen recibindo requirimentos e sancións a pesar da resolución do Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galiza que anula as devanditas sancións.

Pola súa parte, o director xeral da Axencia Tributaria, Ulpiano Villanueva confirmou que a Xunta reclamou do Goberno central non tratar como defraudadores aos afectados e eliminar as sancións a todos aqueles que regularizaran a súa situación fiscal, a Consellería “non dará un paso atrás nas propostas realizadas polo Parlamento”, afirmou.

Ante a resposta do membro do Goberno, a nacionalista considerou que despois de sete meses do acordo plenario e ante unha nova campaña da declaración da renda, é necesario que a Xunta solicite da Axencia Tributaria unha revisión dos expedientes para coñecer cantos foron revisados, cantas sancións foron impostas e cantas eliminadas ao fin de que os contribuíntes afectados teñan a suficiente información sobre o que facer, a partir de agora.

Na quenda de réplica, o responsábel da Axencia Tributaria comprometeuse a recadar a información solicitada pola deputada do BNG relativa ao cobro de cantidades a persoas afectadas por invalidez e anunciou a “plena disposición do Goberno galego” a buscar unha solución para as persoas que “sen ánimo defraudatorio” foron sancionadas inxustamente.