A dimisión de 20 xefes de servizo de atención primaria responde ao tsunami privatizador de Feixóo
Pide que o Presidente da Xunta compareza e “dea a cara” ante unha política que cada vez deteriora máis servizos e atención sanitaria en Galiza
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que a dimisión de 20 xefes de servizo de Atención Primaria responde ao “tsunami privatizador” do Partido popular e Feixóo á cabeza aplicando unha política constante de recortes en medios e persoal sanitario.
A nacionalista lembrou que tanto nos centros sanitarios como nas rúas as denuncias contra a política sanitaria do Partido popular son continuas e puxo como exemplo as últimas mobilizacións de Moraña. Cuntis, Covelo ou Moaña para reclamar máis persoal e medios nos PACs.
Por outra parte, Pontón tamén se referiu á situación de POVISA da que dixo está baixo a ameaza dun ultimato dos responsables do centro, “si en dez días non se resolve, iniciará o concurso de acredores”. Na súa opinión, este centro privado segue coa súa estratexia de “chantaxe” ao colocar aos e ás profesionais como “escudos” e o dereito da atención ás persoas fronte aos beneficios da empresa.
FEIXÓO DEBE DAR A CARA NO PARLAMENTO ANTE O DESASTRE SANITARIO
Pontón que cualificou de “desastre sanitario” o que está acontecendo na sanidade pública galega, considerou que Feixóo “debe dar a cara” e comparecer no Parlamento galego porque son as súas políticas e as do Partido popular, explicou a nacionalista, as que conducen á sanidade a unha grave situación de deterioro, con listas de espera inaceptables, expulsión de moitos e moitas profesionais do noso sistema público sanitario e cunha política que “pon en risco a vida e a saúde das persoas”.
Para a portavoz do BNG, a situación sanitaria non se soluciona cambiando a cara dun “conselleiro”, é necesario recoñecer “o erro xigantesco” cometido polo Partido popular e Alberto Núñez Feixóo privatizando e sobre todo recortando na Atención primaria”. Agardamos, recalcou, que nesta ocasión “Feixóo non se agoche” e dea a cara no Parlamento porque está en xogo a saúde de moitos galegos e galegas.