Día do Orgullo LGBT 2021

LGBTI

Xa vai aló máis de medio século desde a Revolta de Stonewall o 28 de xuño de 1969, o evento escollido para a celebración do Día do Orgullo LGBT ao redor do mundo.

Van tamén máis de 30 anos desde que a OMS por fin eliminou a homosexualidade do seu catálogo de trastornos mentais, recoñecendo así que non se trata dunha doenza que se debe ou se pode curada.

Nestes dez lustros, fóronse conquistando moitos dereitos humanos para as persoas LGBT grazas á loita incansábel de activistas do colectivo.

Porén, a pesar dos avances, segue a haber moito camiño por percorrer para acabar coa discriminación e a violencia que padecen as persoas LGBT ao redor do mundo, como tamén na propia Galiza; desde a violación ‘terapéutica’ de lesbiana e mulleres bisexuais e a suposta ‘terapia de conversión’ e a continuada patoloxización das persoas trans, até problemas psicolóxicos e mesmo suicidios provocados pola LGBTfobia, pasando pola discriminación nos lugares de traballo, nos servizos de saúde e os constantes insultos, agresións e actos de violencia.

A pandemia afectou todo o mundo, mais golpeou de xeito moi especial as persoas LGBT, algunhas das cales se viron obrigadas a volver a unha casa familiar que non as acepta tal e como son, aumentando o illamento e cortándoas das súas redes de apoio habituais, ademais de dificultar o acceso –xa de por si deficiente– aos servizos de saúde física e mental, colocando as persoa LGBT nunha situación de maior risco e tornándoas aínda máis vulnerábeis.

Ao igual que calquera outra forma de discriminación, a homofobia e a transfobia non teñen cabida nunha sociedade do século 21, ao atentaren contra o respecto á diferenza e á diversidade, piares básicos que sustentan calquera sociedade verdadeiramente democrática e igualitaria.

Por isto, segue sendo tan vital como nunca aproveitar o Mes do Orgullo, e concretamente o Día Internacional do Orgullo LGTB que se celebra cada 28 de xuño, para denunciar as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGBT, traballando man na man co propio colectivo para conquistar todos os dereitos que nós corresponden como seres humanos e para podermos vivir en igualdade e liberade na nosa Patria.