Día da Clase Obreira Galega: O BNG reivindica o final da fenda salarial entre homes e mulleres

Día da Clase Obreira

Goretti Sanmartín reclama políticas efectivas contra a desigualdade salarial  e lembra que as mulleres son as que realizan máis traballos  precarios e piden maior  número de excedencias para o coidado de persoas dependentes

O BNG aproveitou a celebración do Día da Clase Obreira Galega para facer balance da situación do mercado laboral en Galiza, que se traduce en cifras de desemprego alarmantes entre a xente moza, caída da ocupación e das persoas asalariadas  e incremento da precariedade, con miles de persoas pobres, aínda tendo traballo, e cun aumento da sinistralidade.

FENDA SALARIAL

Despois de que tivese lugar un 8 de marzo histórico, Sanmartín  lembrou que a fenda salarial do 28% provoca a fenda nas pensións, que chega ao 35% e tamén a discriminación salarial pola que unha muller  “cobra 4.513 euros menos ao ano que un home”. Nesta liña,  reclamou  dos gobernos  “responsabilidade” e compromiso firme para incluír sancións económicas no marco laboral, e non seguir o exemplo de Mariano Raxoi máis partidario  de “no meterse en eso” cando lle preguntan sobre diferenzas   salariais  entre homes e mulleres.

Sanmartín lembrou que na última sesión plenaria, celebrada no Parlamento galego, o BNG propuxo  crear  un organismo público que promova e vixíe o cumprimento da lexislación en materia de igualdade, “unha Valedora da Igualdade que traballe transversalmente pola eliminación das discriminacións”, recalcou.

A crise provocou un grave deterioro das condicións laborais, “sobre todo para as mulleres” un recorte de dereitos e un cambio sociolóxico que consiste en que un emprego non garante unha vida digna e hoxe temos traballadores e traballadoras “pobres”. A membro da Executiva Nacional do BNG,  Goretti Sanmartín,  desde Ferrol ante o monumento do 10 de Marzo en memoria de Daniel e Amador asasinados nas loitas sindicais dos 70 pola policía franquista, manifestou que a radiografía do mercado laboral indica que hai 160.000 persoas ocupadas menos que no inicio da crise, e que desde 2009 todo o emprego que se destruíu foi entre xente moza expulsada de Galiza cara á emigración, ao tempo que se incrementaron as desigualdades salariais.

A nacionalista  formulou as propostas do Bloque para corrixir esta situación “é rescatar os dereitos dos e das traballadoras”.

En primeiro lugar, derrogar as reformas laborais do PP e do PSOE “que están roubándolle dereitos á clase traballadora e provocando unha crise social moi importante”, denunciou a nacionalista. En segundo lugar, poñer en marcha un Plan de emprego xuvenil “para que a mocidade teña oportunidades en Galiza e non teña que escoller entre a emigración ou un salario que non garante uns mínimos vitais”.

E, en terceiro lugar, medidas específicas para acabar coa alta sinistralidade no noso país “con máis medios e recursos en inspección de traballo e en prevención de riscos laborais e  formación”.