Di non ás reválidas! Di non á LOMCE!
Continúa o empeño do BNG, xunto a outros colectivos integrados na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, contra a LOMCE e as reválidas. Consideramos que estas probas son unha auténtica aberración do punto de vista pedagóxico, someten ás rapazas e rapaces a unha presión innecesaria, e supón un obstáculo máis para as clases populares. A maiores, anulan as competencias exclusivas da Galiza nesta materia e apostan por unha visión allea e desgaleguizadora na aprendizaxe.
O noso obxectivo é que na Galiza sexa un fracaso a aplicación desta normativa do Goberno español. Por esa razón, instamos a que toda a militancia e simpatizantes do BNG con fill@s en 3º de primaria, 6º de primaria e en 4º da ESO, desenvolva as seguintes accións:
1. A primeira medida, consiste en non enviar ás fillas e fillos ás probas xerais de Primaria, ás reválidas. É o mellor método que podemos utilizar para invalidar as probas na Galiza, e temos capacidade real para o facer, como xa se demostrou nos pasados cursos escolares. As probas terán lugar segundo o seguinte calendario:
- 23 e 24 de maio: reválidas de 3º de primaria (para todo o alunado dese curso).
- 29 e 30 de maio: avaliación final de primaria (6º) e ESO (4º), cun carácter mostral, sen coñecermos aínda en que centros se aplicará.
2. A segunda medida consiste en entregar en cada centro de ensino un escrito (anexamos modelo) dirixido á dirección por este mesmo motivo.