Dez anos despois do Prestige, Guillerme reivindica a soberanía sobre as nosas augas
Na xornada de hoxe, martes, 13 de novembro, na que se cumpren 10 anos do afundimento do Prestige fronte as nosas costas, Guillerme Vázquez, reivindica a necesidade de exercermos a soberanía sobre as nosas augas como único xeito real de evitar unha nova catástrofe.
Dez anos despois, o Estado español segue sen tomar en serio a seguridade das nosas costas. Dez anos despois, unha catástrofe similar podería voltar acontecer. Dez anos despois, as nosas costas están lonxe de estaren blindadas e nos últimos anos mesmos están a se producir retrocesos moi preocupantes. Dez anos despois, o PP utiliza o Salvamento Marítimo como un negocio, en lugar do que é: un servizo público, afirma o líder nacionalista.
Guillerme quer lembrar que: Hai dez anos o goberno do Estado deixou a Galiza no máis absoluto abandono. Hai dez anos, o goberno galego non foi nin goberno nin galego e, en lugar de defender o país, permitiu a Aznar que abandonase as nosas costas e condenase o noso futuro. Hai dez anos, o vicepresidente daquel goberno que condenou as costas galegas era Mariano Rajoy.
Xa que logo, tal e como apunta o portavoz nacional, o PP foi responsábel daquela e segue séndoo hoxe, dez anos despois, de que as nosas costas non estean seguras.
Por iso , o BNG demanda:
A transferencia a Galiza das competencias en materia de Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Melloras no control do tránsito marítimo para nos protexer dos 13.000 buques con mercadorías perigosas que atravesan as nosas costas.
Un servizo de Salvamento Público galego e ben dotado cos meios necesarios.