Ana Pontón e Luís Bará reúnense cos sindicatos da automoción

Contra deslocalización da automoción na Galiza: Tarifa Eléctrica Galega, I+D+i e abaratamento do solo industrial

Ana Pontón e Luís Bará reunidos cos sindicatos da automoción en Vigo
  • Pide a Feijóo “que faga os deberes” porque Galiza ten todo o necesario para “ganar esta batalla”. “Dispoñemos de quilómetros de solo industrial criando toxos en lugar de empresas”, criticou

O BNG expuxo ante os sindicatos da automoción as propostas para combater a deslocalización do sector que, nos últimos anos, está sufrindo unha fuga de empresas e de emprego cara o norte de Portugal. Aposta estratéxica de país polo sector primando o investimento en I+D+i, tarifa eléctrica galega que abarataría os custes ás empresas un 30%, -como xa teñen en Euskadi-, abaratar o solo empresarial e axilizar toda a tramitación administrativa para  a implantación de empresas.

Nun encontro con responsables sindicais da CIG, CCOO e UGT, a portavoz nacional, Ana Pontón, salientou os puntos fortes do sector automobilístico, que pese a todo está perdendo posicións ante o país luso “porque a Xunta non fixo os deberes ao longo destes anos”.

“Temos persoal cualificado de primeiro nivel, un cluster empresarial que integra a un cento de empresas, temos un grupo de referencia como e PSA Peügeot Citröen, e temos excelentes infraestruturas por estrada e portuarias incluíndo a autoestrada do mar Vigo-Francia. Que nos falta para que Portugal este acaparando investimentos que deberían vir para Galiza? Estratexia de país”, indicou Pontón.

Ao encontro cos representantes dos e das traballadoras do sector tamén asistiu o deputado por Pontevedra, Luís Bará, e os responsables locais do Bloque en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride.

“Facemos un chamamento para que o Goberno galego se poña mans á obra”, incluíndo unha estratexia comercial e unha actuación inmediata en solo empresarial, salientou Pontón “porque temos quilómetros e quilómetros de solo empresarial criando toxos cando o que debe criar é emprego e riqueza”.

Do mesmo xeito, reprochou a Feijóo que se teña convertido “nun tampón”  que bloque que Galiza se poda aproveitar dos seus recursos naturais e do feito de ser produtora de excedentaria de enerxía. “Se dispuxéramos da tarifa eléctrica galega moitas empresas non estarían instalándose en Portugal senón en Galiza, é unha decisión política, como a que xa adoptou o Goberno vasco”, indicou.

“Temos todos os ingredientes para ganar a batalla e conseguir que o sector da automoción sega a ser un polo de creación de postos de traballo e de actividade económica no noso país”, concluíu.

O sector galego da automoción xera 19.000 empregos directos e facturou en 2015 8.200 millóns de euros. Galiza fabrica o 15% dos automóbiles do Estado e este sector supón o 31% das exportacións anuais galegas. Os sindicatos denuncian que nos últimos anos o sector perdeu en GZ arredor de 2.000 empregos directos, mentres que Portugal gañou 6.000 novos postos de traballo, polo que o Bloque levará ao Parlamento as súa propostas para defender o sector.