O descontrol no servizo de ambulancias pon en perigo a saúde das persoas usuarias

Reunión de Montse Prado cos representantes dos técnicos de ambulancias
  • BNG e traballador@s do sector de ambulancias advirten que a Xunta ultima unha normativa para permitir que os taxis podan transportar doentes sen ter as condicións dunha ambulancia e sen persoal cualificado

O BNG e os traballadores técnicos de emerxencias sanitarias denuncian a falta de control por parte da Xunta sobre o servizo de ambulancias que prestan as empresas concesionarias, tanto a través do 061 como as denominadas concertadas para transporte de doentes, o que repercute na calidade do servizo e mesmo pon en risco a saúde das persoas usuarias.

Tras a reunión entre a portavoz de Sanidade, Montse Prado, e os representantes deste colectivo de case 3.000 técnicos, explicaron as deficiencias máis habituais por parte das empresas “que incumpren as condicións de contratación sen que exista ningunha inspección por parte do Sergas”, criticou a deputada.

Menos ambulancias dispoñibles das contratadas e pagadas polo Sergas, menos persoal do que se estipula para atender aos doentes que se transportan, -“que moitas veces teñen que ser asistidos por familiares porque só vai un técnico condutor na ambulancia”-, explica Prado, desvío de efectivos contratados para prestar servizos privados, falta de control nas condicións hixiénico sanitarias do transporte, entre as irregularidades expostas.

Ante esta situación, o BNG “vai presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta exerza o debido control sobre o servizo de transporte de doentes en ambulancias porque afecta á saúde das persoas e hai que poñer o foco nesta cuestión antes de que pase algo grave”, alegou Prado.

Pero ademais do “descontrol” na prestación do servizo, Bloque e representantes dos traballadores puxeron sobre a mesa unha segunda denuncia, a modificación da normativa de transporte público de persoas que ultima a Xunta para permitir que os taxis podan levar doentes como se dunha ambulancia se tratase, pero sen contar co material especial deste tipo de transportes, nin con técnicos cualificados.

“Por exemplo, as ambulancias están recubertas dun material especial fácil de lavar e de desinfectar para garantir a hixiene e evitar contaxios, mentres que un taxi ten tapicería de tela”, explicou o secretario de Transporte da CIG, Xesús Pastoriza, que tamén fixo referencia á formación do persoal. “Para ser condutor de ambulancias tes que ter catro anos de formación, para transportar doentes nun taxi, a Xunta prevé esixir un cursillo de primeiros auxilios”.