Unha delegación galega convidada polo BNG exporá en Bruxelas os problemas do plan forestal galego
A eurodeputada Ana Miranda organiza unha reunión coa Comisión Europea para analizar os datos aportados pola Xunta a Bruxelas sobre a superficie de plantación de eucaliptos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e unha delegación galega integrada por portavoces de plataformas medioambientais e os alcaldes de As Neves, Baños de Molgas, Rianxo e Ribadeo, manterán unha reunión na Comisión Europea con Andrew Bianco, Xefe de Gabinete do Comisario de Medio Ambiente Karmenu Wella e Yvon Slingenberg, Directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, así como con funcionarios das Dirección Xerais de Medio Ambiente e de Agricultura do executivo comunitario. Na xuntanza analizarán a contradición existente entre os datos reais da superficie de especies invasoras pirófilas en Galiza e os datos que manexa a Comisión.
Este encontro é organizado pola eurodeputada galega tras a resposta emitida polo comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vellu, á pregunta presentada por Miranda sobre o aumento do cultivo de especies invasoras pirófilas. No documento remitido, a Comisión recoñece ser consciente do uso de especies de eucalipto na silvicultura galega, pero asegura que o programa de desenvolvemento rural actual exclúe o aumento da superficie forestal con esta especie e estabelece un marco para previr a introdución e propagación de especies exóticas invasoras.
“Da resposta do Comisario despréndese que que a Comisión dispón de datos falsos sobre a plantación de eucaliptos en Galiza”, subliña Ana Miranda, quen sinala que segundo os expertos a superficie de cultivo incrementouse descontroladamente fóra da planificación. Ademais, a nova planificación forestal para Galiza regulariza e da por boas máis de 250.000 mil hectáreas de eucalipto aumentadas dende que no ano 1992 se aprobara o Plan en vixencia, e que agora inclúe a previsión de aumentar noutras 25.000 ha.
Na xuntanza coa Comisión Europea, a delegación participante explicará que na actualidade, en Galiza existen unhas 500.000 mil ha. segundo os datos oficiais, que algúns expertos elevan ás 600.000ha, de forma que o aumento supera o 105% sobre a superficie planificada.
Xestión de incendios
A delegación estará integrada polos alcaldes de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez; Baños de Molgas, Xaime Iglesias; Rianxo, Adolfo Muíños; e Ribadeo, Fernando Suárez; a Presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez; así como o Doutor Enxeñeiro de Montes, Xabier Bruña; o Enxeñeiro de Montes e presidente do colectivo A Rente do Chan Pladever, Jesús de la Fuente, e o biólogo Martiño Nercellas.
Asemade, no encontro os alcaldes nacionalistas explicarán polo miúdo as medidas que levan a cabo nos seus respectivos concellos para frear o aumento de superficie de eucaliptos así como os dispositivos que aplican na loita contra os lumes, desde a prevención dos mesmos até a xestión da situación de incendio. Precisamente a Comisión sinala que o programa de desenvolvemento rural 2014-2020 de Galiza contempla un compoñente de apoio ás operacións de fomento da xestión forestal sostible, outro de prevención de incendios forestais cunha dotación de 120 millóns de euros e outro para restauración dotado con 12 millóns.