Contra o decreto "3sen2" que degrada a calidade da Universidade e exclúe ao estudantado sen recursos

Manifestación a favor da Universidade pública en Santiago

O BNG rebautiza o decreto Wert do 3+2 como “decreto do 3 sen 2” porque na práctica significará que a maior parte d@s estudantes só cursarán graos de tres anos pero non terán acceso aos dous cursos de postgrao porque non serán capaces de sufragar as elevadas matrículas dos master, que non contarán con bolsas.

Na manifestación en Santiago a favor do ensino público universitario, o portavoz nacional, Xavier Vence, denunciou que este cambio na titulación “degrada a calidade do ensino superior, abre a porta á universidade privada e bota do sistema a miles de universitarias e universitarios”.

Para o Bloque é “imprescindible” manter a duración dos cinco anos para garantir unha “formación de calidade”, e considera irrelevante a estrutura interna das titulacións sempre que se garanta que todos os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos académicos teñen acceso a universidade.

“A estrutura interna é o de menos sempre que se manteña a formación de cinco anos”, subliñou Vence, “pero o PP quere tres anos e que só unha pequena parte acabe facendo os masters, para iso pon taxas moi altas para as matrículas dos postgraos e non hai bolsas para esa fase, o que fará que a maior parte curse só tres anos, formación absolutamente insuficiente que non te prepara para o mercado de traballo”.

O Bloque salienta que unha universidade de calidade “é unha aposta de futuro”. A política do PP de “desmantelala” impulsa “un modelo de sociedade desigual, regresiva e de volta ao pasado”, advertía Vence, tras lamentar que a Xunta se pregue ás directrices que marca Madrid en vez de apostar por un proxecto con máis universidade, máis investigación e máis coñecemento.